venres, setembro 30, 2016

Un mes, tres viñetas: Setembro 2016

Non sei quen fixo a foto, atopeina aquí.

















9 de Setembro. Este vaise i aquel vaise. Hai veces que alguén di que marcha esperando que os demais lle pidan que quede. Non sei se esa era a intención de Alan Moore, que vén de anunciar que lle quedan duascentas páxinas de cómic por evacuar e despois deixa o medio para sempre. Probablemente non, pero en calquera caso teño a sensación de que a reacción dos lectores tampouco vai por aí. Pouco pánico, pouco pranto está a haber pola marcha dunha das figuras máis relevantes da banda deseñada actual. E iso, supoño, porque todos temos asumido que Moore marchou hai xa bastante tempo. Eu diría que ao de Northampton non escribe un cómic apertando os dentes dende Lost girls, van alá xa dez anos. As sucesivas miniseries da Liga dos Cabaleiros Extraordinarios, que é co que nos ten entretidos dende entón, semellan pouco máis que un puro divertimento desprendido dun cerebro que imaxinamos coma unha descomunal tormenta de lóstregos sinápticos. Está por ver o que chega a ser Providence pero todos sabemos que non desviará o curso do cómic actual como fixo Watchmen no seu día. Moore carga co peso de ter creado algúns dos cómics máis influentes do século XX, de aí que xustifique a súa marcha dicindo o mesmo que Los Planetas, "prefiero estar muerta que aburrirme así, voy a probar algo nuevo", non sen antes zoscarlle as vergalladas de rigor á industria do cómic norteamericano. Con toda a razón ou moita.

Non é que estea en branco, é que o debuxo está implícito.















23 de Setembro. Cómics no tendal. Preto da miña casa había un quiosco que todos chamabamos, whatever the reason, "el carrito". Aquel quiosco e outros moitos naquela altura (falamos dos ríspetos anos 80) tiñan como expositor uns cordeis dos que penduraban revistas e tebeos con pinzas de madeira. En inverno, por iso que no ciclismo chaman "la climatología adversa", había que cubrilos cun plástico máis ou menos transparente. Desas cordas descolguei eu o número 5 de Alpha Flight (edición española), aquel capítulo no que John Byrne fixo realidade a lenda urbana de La Codorniz (o inexistente número negro do "tren") e que tiña case todas as páxinas en branco. Tamén algún número dos Titáns de Wolfman e Perez e aquel do Xuíz Dredd que tiña un peixe na portada. O Dark Knight de Miller deixeino pasar porque era caro e tiña un debuxo moi estraño (Batman con metralleta?). Véñenseme á cabeza estas lembranzas tras ler o pregón co que Javier Pérez de Andújar inaugurou as festas da Mercè de Barcelona, que entre outras moitas cousas, evoca aqueles quioscos, aquelas pinzas e tamén aqueles cómics. O acto, como saben, foi tomado como pretexto por arredistas e unionistas para currárense a pracer. Os meus parabéns a eles por dotaren de vida algo tan decimonónico e alcanforado coma un pregón. Xa quixera eu ter asistido a un espectáculo así baixo o absolutismo coruñés de Paco Vázquez, cando o pregoeiro das festas locais o mesmo era un maltratador de touros que un cantante de música lixeira.

Berger con Cain en House of Mistery nº 292, o primeiro cómic que editou
















28 de Setembro. Volve Karen Berger. Supoño que lembrades o todo-pirolos que se marcou a organización do Salón de Angoulême no Gran Premio do Festival do ano pasado e o inevitable balbordo en redes sociais dos días seguintes, os uns dicindo que non hai mulleres merecentes de tal distinción, os outros garneando que si e a moreas. Eu estaba entre estes últimos berrando como un energúmeno o nome da miña candidata, Karen Berger. Certo que non é unha creadora pero si unha figura capital para comprender o cómic norteamericano dende os 80 para acó. Como editora, Berger abriu as portas da industria da BD ianqui ás hostes do cómic británico (Delano, Moore, Gaiman, Milligan, Ennis...), cuxa influenza no medio, coido, malamente se pode discutir. Creou o selo Vertigo coma un espazo intermedio entre o tebeo comercial e o cómic de autor. Foi quen de sobrevivir ao éxito de Sandman e reinventar o selo co cambio de século, dando entrada a novos creadores como Azzarello, Vaughan, Willingham... O actual liderado creativo de editoras coma Image, Boom! ou Dark Horse e produtos de éxito como The walking dead ou Saga non poden entenderse senón como un sabio aproveitamento do camiño aberto por ela décadas atrás. Por iso e especialmente por ter saído de DC sen o recoñecemento debido, o recente anuncio do seu regreso ao circuíto editorial é de seu unha excelente nova, aínda que Surgeon X non vaia deixar unha gran pegada na historia do medio. Ou se cadra si, andando ela polo medio non se pode desbotar.

Ningún comentario: