sábado, marzo 22, 2008

Promethea 3



A Promethea de Alan Moore e J.H. Williams III parécese a demasiadas cousas sen que esté clara a carta a que quere xogar o de Northampton: ¿estamos perante a exposición dunha cosmovisión? ¿un tratado de maxia? ¿unha reflexión sobre a función que cumpren para a especie humana a fantasía e a imaxinación? ¿un delirio? ¿unha descomunal broma? Ademáis, o contido da trama foi experimentando un paulatino alonxamento das premisas iniciais, de xeito que os contidos concretos representados polos argumentos terrenais van perdendo presencia e importancia fronte a exposición pormenorizada dunha cosmogonía e o entramado máxico-filosófico na que se sustenta. Non é de estrañar, xa que logo, que a serie teña os seus detractores.

Porén e ainda matizando que disfrutei menos deste terceiro tomo da serie (Norma, 2007) que dos dous anteriores, mantéñome en que estamos ante unha auténtica alfaia en cuxa lectura un pode compracerse se está disposto a facer algunha concesión. A primeira é a de asumir que o argumento ten unha importante compoñente abstracta, por máis que soterradamente haxa unha trama máis convencional que avanza paseniño. A segunda, recoñecer o titánico esforzo de Williams á hora de plasmar o universo máxico de Moore; penso que non esaxero se digo que nos seis números que compoñen este tomo non hai unha soa páxina que non mereza unha contemplación detida e unha cumprida felicitación ó artista polo seu inconmensurable traballo. E a terceira, estimar o xeito que o tándem Moore-Williams tivo de poñer en valor o formato de 24 páxinas, outorgándolle a cada capítulo unha personalidade de seu dende a portada á súa derradeira páxina, resultando ademáis coherente dentro dun formato máis amplio como o que agora se emprega nesta reedición. Xa que logo, eu sigo a disfrutar desta obra polo que agardo que Norma siga coa sua publicación este ano.

Entradas relacionadas – Promethea
Promethea 2
Promethea 1

Entradas relacionadas – Alan Moore
Top 10
Cousa do Pantano: No pantano
O día do xuízo

Ningún comentario: