domingo, março 16, 2008

Criminal: Covarde



Non é ningún segredo que Ed Brubaker domina á perfección os recursos proprios do xénero negro. O seu primeiro traballo para DC comics, tras unha notable traxectoria no cómic independente, foi A escena do crime e de aí pasou a series de entorno superheroico que, baixo a súa dirección, adquiriron un inconfundible tono noir: Gotham Central, Catwoman, Sleeper, mesmo Daredevil… O seu salto ás grandes cabeceiras Marvel (X-Men, Capitán América) implicou a perda deste sinal de identidade, motivo que se cadra tivo a súa influencia para que acometese simultáneamente un proxecto como Criminal (Panini, 2008). Plantexado de principio a fin como un cómic de xénero negro e desprovisto de calquera implicación pixameira, Brubaker tiña a oportunidade de desenvolver unha historia sen máis limitación que a súa vontade, máxime considerando o prestixio que merecidamente se gañou nestes anos.

É por iso que, a pesares de estarmos perante un traballo notable e indiscutiblemente por riba da calidade media do que se publica actualmente, non podo disimular unha certa decepción. Non quero que se me malinterprete. Esta primeira entrega titulada Covarde é, de seu, unha obra redonda, perfectamente tramada, desenvolvida e resolta. O concurso de Sean Phillips ós lápices constitúe outra garantía máis, non só pola súa indiscutible calidade, senón polo perfecto entendemento que ambos amosaron en Sleeper. E porén, ou se cadra por ese cúmulo de condicionantes positivos, boto en falta neste traballo o aquel de xenialidade que si atopo noutras obras deste autor. Pode ser que o diálogo de xéneros (negro-superheroes), no canto de constituir un obstáculo, resulte máis enriquecedor que a simples reivindicación e posta ó día dos tópicos do noir americano.

Pola súa banda, Sean Phillips amosa a súa versatilidade plantexando as páxinas dun xeito sensiblemente distinto a como o facía en Sleeper, adoptando neste caso un estilo máis clásico e sobrio. No seu debe apuntar tan só a execución da escena de acción principal da trama, desenvolvida dun xeito que resulta confuso, pouco verosímil ou as dúas cousas.

Non quero rematar sen significar outra vez que as miñas críticas son simples matices a unha obra de talla indiscutible cuxa continuación seguirei con puntualidade.

Entradas relacionadas – Ed Brubaker

Sem comentários: