Greg Rucka é un autor de cuio talento e profesionalidade ninguén dubida. É probable que non goce do prestixio doutros guionistas, pero a calidade media da súa longa traxectoria no medio resulta pouco discutible. Entre os seus méritos máis recentes está o de ter creado, xunto con Ed Brubaker, unha das mellores coleccións DC da actualidade, Gotham Central.
Rucka guioniza en solitario os cinco capítulos que compoñen o cuarto volume da serie que publica Planeta, concretamente os números 28 a 32 da serie orixinal. A premisa inicial parece acertada, ó propoñer Rucka unha investigación que obriga a cooperar ás centrais de policía de dúas cidades emblemáticas do Universo DC: Gotham e Keystone City. En concreto, Allen e Montoya traballan cóbado con cóbado con dous personaxes recentemente creados por Geoff Johns na serie de Flash, Fred Chyre e Jared Morillo, no interrogatorio e escolta do Doutor Alquimia, inimigo de segunda do supervelocista.
Sen embargo, as posibilidades que xurden destes antecedentes son obxecto dun aproveitamento escaso. Por unha banda, a presencia de Chyre e Morillo é puramente testemuñal, sen que se produza unha interacción real entre eles e os seus colegas da Central de Gotham. Por outra, a trama carece de maior interese, transcurre por camiños previsibles e resólvese de maneira intrascendente. As aparicións de Batman, probablemente por prescripción editorial, comezan a resultar rutinarias e prescindibles. Exemplifica a mediocridade deste volume o interrogatorio de Allen e Montoya ó Doutor Alquimia en Iron Heights, que pretende ser homenaxe a O silencio dos cordeiros e fracasa dada a absoluta falta de carisma do interrogado.
O tomo complétase cunha historia autoconclusiva centrada en Poison Ivy. Breve e irrelevante, nela aparece de novo Jim Corrigan, un policía corrupto de nome familiar para os afeccionados a DC que, en boa lóxica, acadará máis protagonismo próximamente.
Pola súa banda, Stefano Gaudiano e Steve Lieber cumplen discretamente nos lápices, malia o baile de entintadores.
Entradas relacionadas
Gotham Central: Corrigan
Gotham Central: Caso sen resolver
Ningún comentario:
Publicar un comentario