domingo, abril 22, 2007

Louis Riel – Un cómic biográfico



Un ten unha acentuada tendencia a ilusionarse, especialmente no que ás lecturas atinxe. A pesares diso, poucas son as ocasións nas que a lectura dunha obra de banda deseñada me deixa tan satisfeito como tras rematar este célebre Louis Riel de Chester Brown.

Louis Riel é, como reza o seu título, a biografía do político canadiano que liderou a resistencia da provincia de Manitoba fronte a vontade asimilacionista do goberno de Canadá. Trátase, xa que logo, dunha historia na que a compoñente política ten un peso considerable. Agora ben, apenas se comeza a profundizar na personalidade do protagonista, resulta evidente que o atractivo da súa figura reside en elementos persoais só tanxencialmente vinculados á súa actividade pública. Así, canda o seu valor e carisma xurden axiña actitudes contradictorias ou cobardes, por non mencionar a súa ulterior condición de iluminado, compoñendo unha figura cuio atractivo literario xustifica de seu unha obra como a que nos ocupa.

Pero por riba do interese que suscita o personaxe, a obra é un auténtico portento de capacidade narrativa e gráfica, ainda que nunha primeira aproximación puidera parecer o contrario. Así, a súa considerable extensión non da unha idea da cantidade de acontecementos que se relatan. O ritmo narrativo pode semellar abrupto nun principio: os feitos sucédense sen apenas solución de continuidade, nunha cascada que pode chegar a resultar abrumadora. Sen embargo, esta solución narrativa non só se confirma como áxil e eficaz, senón que mesmo pode reivindicarse como a única viable unha vez que se contempla a cantidade de contidos que compoñen o relato.

Algo semellante pode dicirse da técnica gráfica de Brown. O seu debuxo pode parecer sinxelo, mesmo poden cuestionarse certas desproporcións anatómicas ou a opción por un esquema de páxina baseado nunha estructura repetitiva de seis cadriños por páxina (sen excepcións). Porén, nada do anterior destaca tanto como o seu sentido da narración, capaz de arrastrar ó lector pola páxina, e a cartesiana composición dos cadros. Brown convirte en virtudes as súas limitacións, completando un brillante manual de técnica narrativa, unha obra de primeira liña editada moi dignamente por La Cúpula.

Ningún comentario: