domingo, abril 01, 2007

Sandman Mystery Theatre: A Néboa



Matt Wagner e Steven T. Seagle conseguiron en Sandman Mystery Theatre un equilibrio complicado. Por unha banda, a serie ten un sabor deliberadamente clásico que se percibe na ambientación (os EEUU dos anos 40), na presentación formal (cunha estructura gráfica tradicional, repetitiva e a imitación dos caderniños pulp daqueles anos) ou no esquema dramático (que se axeita ó das narracións policíacas da época). Por outra, os escritores foron quen de sobardar o que podería ter quedado nun mero exercicio de estilo, nunha homenaxe nostálxica ou mesmo nunha revisión en clave irónica e posmoderna, e crearon unha obra paradóxicamente moderna e arriscada. Wesley Dodds é un heroe atípico, no que os rasgos dunha identidade civil prudente e un tanto anodina predominan sobre a audacia da identidade enmascarada. Pola súa banda, a personalidade de Dian Belmont ven a cuestionar o rol tradicional da muller nas narracións da época, e o feito de ser a súa a voz narrativa non só ofrece unha distancia valiosa respecto da figura heroica, senón que consigue equilibrar a relevancia dos dous personaxes principais. Ademáis, a fondura do amor que Dian sinte polo seu pai e a configuración de Dodds como personaxe máis paternal que sexualmente atractivo ofrece como resultado unha singular relación triangular cuia interpretación en termos freudianos non me sinto capacitado para levar a cabo.

Polo demáis, o fundamento das tramas xurde dos recantos máis escuros do contexto descrito. O volume que agora comentamos, que contén os números 37 a 40 da serie orixinal, aborda cuestións como distintas formas de racismo, a presencia de grupos filonazis en Estados Unidos, as prácticas mafiosas de certas unións sindicais da época, etc., de xeito semellante a como con anterioridade se tratara o odio racial, as orientacións sexuais minorizadas ou a prostitución.

Por outra banda, con este volume ven a demostrarse de novo que o cruce entre personaxes é un recurso susceptible dun uso elegante e intelixente. Neste arco Dodds atópase cun Ted Knight inmerso nas investigacións que o levarán a convertirse no Starman orixinal, de xeito semellante a como con anterioridade aparecera outro heroe da Idade Dourada, Hourman. A interacción entre ambos carece de calquera efectismo, ata o punto de que a futura identidade heroica de Knight podería pasar desapercibida para calquera lector que careza de datos previos a este respecto.

Pola súa banda, Guy Davis segue co seu estupendo labor no debuxo, ainda que neste caso se ve en boa medida desmerecido pola pésima calidade da reproducción na edición a cargo de Planeta, probablemente debida a problemas cos materiais orixinais.

Entradas relacionadas

Sandman Mystery Theatre: Pitón
Sandman Mystery Theatre: A noite do carniceiro - Hourman
Sandman Mystery Theatre: Dr. Morte
Sandman Mystery Theatre: O Escorpión

Ningún comentario: