venres, xaneiro 12, 2007

Sandman Mystery Theatre: Pitón



Non deixa de ser unha sorpresa agradable que unha serie tan atípica como Sandman Mystery Theatre se teña feito un oco no noso mercado. Digo atípica porque se trata dunha serie xa extinta, publicada orixinalmente hai máis de dez anos, que engana a xéneros (¿superheroico, fantástico, policial?) protagonizada por un personaxe clásico e de escasa popularidade, e cuios autores, ainda contando cun certo recoñecemento, carecen de excesivo tirón de cara ó grande público. E malia todo o anterior, a serie segue a súa andaina, chegando a este sexto tomo sen que pareza existir risco de cancelación.

O máis salientable deste novo volume, que inclúe os números 33 a 36 da serie orixinal baixo o título Pitón, é a ausencia do debuxante habitual, Guy Davis. O seu sustituto, Warren Pleece, cumple con eficacia, quedando patente a súa intención de manter a unidade de estilo. Polo que atinxe ó argumento, a trama detectivesca deseñada por Wagner e Seagle serve para poñer en acción a uns protagonistas cuias auténticas preocupacións afectan a cuestións persoais: dende a posición a manter fronte a incipiente Guerra Mudial ata o incerto futuro dunha complicada relación de parella. A historia conclúe cun cambio de estatus entre os protagonistas que constitúe, ó tempo, un interesante ponto de partida para o próximo volume.

Entradas relacionadas

Sandman Mystery Theatre: A noite do carniceiro – Hourman
Sandman Mystery Theatre: Dr Morte
Sandman Mystery Theatre: O escorpión

Ningún comentario: