mércores, xaneiro 17, 2007

Locas 3



Con este terceiro tomo conclúe a edición por parte da editorial La Cúpula do material da serie Locas que Jaime Hernández publicou orixinalmente na revista Love & Rockets. Podería dicirse que a serie remata cunha orientación notablemente distinta á que presidiu o inicio da mesma. Ó longo dos quince anos que separan o primeiro capítulo do derradeiro evolucionaron os personaxes, os escenarios e moi sensiblemente o tono da narración. O gamberrismo punk e a mestura de xéneros iniciais deviron, mantendo as claves definitorias da serie, en ollada singular e lúcida sobre os inmigrantes mexicanos en Norteamérica. Curiosa e afortunadamente, apenas se percibe unha evolución correlativa no aspecto gráfico, senón se cadra un perfeccionamento da súa técnica narrativa sen se desprender da fidelidade ó seu estilo. A este respecto, cómpre destacar non só o doadamente que se comprenden os episodios mudos, senón especialmente o capítulo “Angelitas”, no que debuxos e textos de apoio narran simultánea e certeiramente dúas historias diferentes.

Malia o indiscutible protagonismo de Maggie e Hopey, contemplando a obra con perspectiva destaca non só o elevado número de personaxes que poboan as súas páxinas, senón tamén o acertado grao de definición que alcanzan os máis deles. Así, por exemplo, este terceiro tomo concede un protagonismo considerable a personaxes secundarios como Izzy, Vicki Glori, Danita ou a familia de Maggie. No canto de circunscribirse á historia das dúas protagonistas, semella que Hernández preferiu explorar un terreo xeográfico e humano máis amplio e enriquecedor.

Constatado o agarimo con que Hernández construiu esta obra, non é de estrañar que recuperara ós seus protagonistas en traballos posteriores. Algúns deles están a publicarse na actualidade (Penny Century) mentres outros (Ghosts of Hoppers) verán a luz máis adiante. En calquera caso, non debe deixar de destacarse o labor de La Cúpula nesta recopilación, especialmente nun intre como o actual no que a editorial debe enfrontarse, tras unha complicada reestructuración interna, ó perxuízo económico derivado de varias edicións defectuosas.

Entradas relacionadas

Locas 2
Locas

Ningún comentario: