Agora que a BD galega goza dunha saúde creativa indubidable, que existe unha fornada de autores recoñecida crítica e popularmente (o que é para ser especialmente optimistas se consideramos a súa idade media), que un autor como Miguelanxo Prado (o grande patriarca) renova con ocasión de cada novo proxecto os seus azos creativos e a súa resistencia a acomodarse, agora, digo, pode ser un bo intre para reinvindicar a uns autores como Carlos Portela e Xulio Das Pastoras. Malia a seren ben coñecidos no mundiño e teren unha notable traxectoria tras de si, corren o risco de pasaren desapercibidos pola preeminencia de Prado e a nova xeración.
Portela, veterano guionista, organizador das Viñetas desde o Atlántico e mesmo divulgador de historietas na TVG (baixo a identidade do Doutor TNT); Das Pas, debuxante de trazo exquisito cuia extensa producción pode atoparse en revistas tan significativas como El Víbora, Comix Internacional, Zona 84 ou El Jueves; xuntos crearon para a prestixiosa editora francesa Les Humanoides Asociés a serie Los Heresiarcas, publicada en España por Norma. Concebida como grande saga distribuida en tomos, a obra plantexa un argumento fantástico que lembra, tanto no aspecto argumental como na resolución gráfica, a grandes autores da BD europea como Moebius ou Juan Jiménez, por máis que, como advirte Miguelanxo no prólogo, os autores manteñan por momentos unha certa distancia irónica.
Este capítulo inicial, titulado A alma baleira, traza as liñas mestras da narración, sentando unhas bases que serán desenvolvidas posteriormente. Se cadra iso é o peor que se pode dicir deste álbum: que o establecemento da premisa e a presentación dos personaxes apenas deixa espacio para máis. No aspecto positivo, resulta evidente que Portela encamiña o seu labor a facilitar o lucimento de Das Pas: entornos salvaxes, grandes espacios abertos, animais antropomórficos... Pola súa banda, o ilustrador adopta un rexistro realista pouco habitual nel, engadindo a versatilidade ó seu catálogo de virtudes.
O resultado é unha obra que sorprende polo dignamente que se axeita ó canon europeo e que foi quen de facerse cun sitio nun mercado tan competitivo como o franco-belga. Agardemos que chegue a publicarse íntegramente tanto en Francia como aquí.
Ningún comentario:
Publicar un comentario