Unha das desventaxas do sistema de producción en serie propio do mainstream norteamericano é que pode haber tantas versións dun personaxe como autores traballaran con el. O aspecto positivo é que o lector sempre pode considerar a versión que máis lle guste como “a auténtica” e renegar das demáis. Tiven a sorte de coñecer a Colleen Wing e Misty Knight da pluma e lapis duns Chris Claremont e John Byrne especialmente inspirados, motivo polo que, dende entón, sinto un especial agarimo por estes personaxes.
As Fillas do Dragón foron recentemente recuperadas por Marvel para unha miniserie de seis capítulos escrita por Jimmy Palmiotti e Justin Gray e debuxada por Khari Evans. Se a elección dos autores non era para albergar grandes expectativas, os resultados veñen a demostrar que toda prevención era pouca. En efecto, Palmiotti e Gray son dous guionistas mediocres incapaces de construir unha trama dotada dunha mínima profundidade e cuia maior virtude, de ter que destacar algunha, é a falta de pretensións dos seus guións. Pero ainda asumindo o anterior, este Corpo a corpo das Fillas do Dragón resulta dunha pobreza decepcionante: pode dicirse que non existe historia alén da exhibición cárnica das protagonistas. Nun rapto de sutileza, os autores botaron man do máis estrafalario do catálogo de malvados da Marvel, iso si, reservando o papel de némesis para a cachonda de turno. Xa que logo, a trama é unha simple (simplísima) excusa para exhibir mulleres bombásticas con roupa axustada, portando armas varias, conducindo coches (velaí todo os tópicos do imaxinario machista máis clásico) e escupindo frases tan suxestivas como “nena, aquí va a haber kung-fú para dar y vender”, todo aderezado cunha dose considerable de violencia trivializada con fins humorísticos. O que se di unha xoia do noveno arte.
Pola súa banda, Khari Evans invirte máis esforzo en optimizar o postureo das rapazas que en procurar a claridade narrativa, o cal o sitúa nunha paradóxica sintonía co guión, de xeito que podemos afirmar que cumple á perfección co que se agarda del.
Por fortuna, un sempre pode dicir que estas non son as Fillas do Dragón senón un mal remedo. Ás auténticas téñoas eu na miña biblioteca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario