mércores, xaneiro 24, 2007

Malas Vendas: ¡Réndete Dorothy!



Os defensores de Alex Robinson defíneno como narrador antes que debuxante, o que pode resultar bastante obvio contemplando este primeiro volume da que probablemente é a súa obra máis popular, Malas Vendas. O seu labor como debuxante pode calificarse de amateur sen que resulte esaxerado ou inxusto: acabados suxos, fondos confusos, fallos nas perspectivas, nas dimensións, etc. De feito, non me tería achegado a este cómic de non ter lido numerosas críticas positivas, todas elas destacando unha calidade argumental por enriba da media.

Malas Vendas é a historia dun fato de mozos que comezan a abrirse camiño na vida. Nos distintos capítulos que compoñen o volume vémolos perseguir uns soños que, no canto de achegarse, parecen cada vez máis lonxanos, procurar a estabilidade emocional ou padecer o amarguexo proprio das primeiras incursións no mundo laboral. En efecto, Melrose Place versión underground. Se xa non son moi afeccionado a este tipo de historias, neste caso as carencias son, ainda por riba, ben evidentes. Os personaxes son puros estereotipos (gordo, virxe e debuxante de cómics, ¿quen de máis?) e como tales aparecen definidos (para demostrar que Sherman, o protagonista, é unha persoa intelixente, ¿é preciso retratar a todos os clientes da librería na que traballa como parvos e ignorantes?); os dilemas que deben afrontar plantéxanse de maneira plana e sen matices (a discusión sobre a propriedade intelectual plantéxase en branco e negro); as alusións culturais carecen doutra finalidade narrativa que non sexa o puro fachendeo do autor... En definitiva, unha obra pensada para un lector que non son eu. É certo que se trata do primeiro tomo, que unha breve ollada ós posteriores demostra unha progresión gráfica que ben pode ter o seu correlato no apartado argumental. ¿Dareille unha segunda oportunidade? É difícil. Como di Jaureguízar, a vida é curta e Otero Pedrayo moi longo.

Ningún comentario: