Non sei se é unha cuestión de respeto a unha tradición, de falta de imaxinación ou se simplemente a posibilidade de resultar orixinal no xénero superheroico resulta cada vez máis complicado. En calquera caso, parece pouco discutible que os cruces entre superheroes adoitan axeitarse a un mesmo esquema: encontro-confrontación-colaboración. E ainda que non sexa habitual, unha fórmula tan explotada pode dar todavía froitos interesantes.
Planeta edita nun volume recopilatorio a miniserie de tres números que une as traxectorias da Liga da Xustiza e os Titáns. Publicada orixinalmente en 1999, a historia parte dunha premisa interesante, extraída da traxectoria previa dos Titáns, que ven a demostrar que a tan controvertida continuidade é só un lastre para quen non é quen de tirarlle partido. A partir de aí, técese unha trama sinxela e axustada ó esquema mencionado, pero á que se lle aportan as doses de intriga, acción e interese que requiren este tipo de productos. O resultado é un cómic áxil e de lectura agradable que, a maiores, valeu para establecer os alicerces dunha nova serie dos Titáns (xa extinta e relevada pola que actualmente está a publicar Planeta en entregas mensuais).
Xa que logo, cómpre recoñecer o mérito de Devin Grayson nos guións, para os que contou coa colaboración do debuxante Phil Jiménez. Éste, pola súa banda, confírmase como o artista idóneo para tramas grandilocuentes e hiperpoboadas de personaxes (enténdese así que fose un dos escollidos para debuxar a recente Crise Infinita). O seu é un caso curioso, por unha banda pasan os anos e o seu estilo segue sen desvencellarse da influencia de George Pérez; por outra, as semellanzas van alén do imitable, extendéndose a aspectos tan relacionados co talento persoal como a planificación de páxina, o preciosismo detallista ou a pulcritude na narrativa.
En suma, un producto moi notable e se cadra inxustamente descoñecido dentro dun xénero que cada día da menos alegrías.
Ningún comentario:
Publicar un comentario