venres, febreiro 02, 2007

Os Combates Cotiáns: o que de verdade conta



Xa deixei claro que non me gustaron as dúas entregas anteriores de Os Combates Cotiáns, probablemente a obra mellor considerada de Manu Larcenet. Se a pesares diso recunco agora con este terceiro volume non é por masoquismo nen por un revanchismo narcisista, senón porque grande parte da crítica o sinala como o mellor capítulo da serie ata agora, feito que me invita a comprobar se efectivamente existe algún cambio sensible ou se, pola contra, o fenómeno que rodea a esta obra continúa a ser inaccesible para min.

A conclusión, lido o tomo, é máis ben a segunda. O que de verdade conta mantén tanto o espíritu das entregas previas como as que, dende o meu punto de vista, constitúen as súas pexas principais. Afrontar unha narración de tono tan intimista e sentimental como a obra de Larcenet non é tarefa doada. Cómpre marcar ben as distancias, eludir os tópicos e os excesos dramáticos e, de querelo así, aportar conclusións que doten dalgún contido ó que, de non ser así, ficará como mero exercicio de estilo sentimental. Ó meu entender, este terceiro volume presenta, como os anteriores, unha notable variedade de clixés (a resistencia a ser pai como sinal de inmadurez, os desastres da guerra) e unha afectación excesiva, inmersas nun mar de pomposidade verbal. Frases como “cuando uno no se muere está obligado a seguir viviendo” demostran tanto unha decidida vontade de resultar profundo como unha escandalosa incapacidade para selo realmente. Textos como o que reproduzo a seguir (a traducción ó castelán é de Enrique S. Abulí) constitúen, na miña opinión, un exemplo dos excesos de vacuidade e petulancia en que Larcenet incurre repetidamente:

Mi padre ha muerto. Creo que todavía no me he percatado de la extensión del cataclismo. Cuando no esté anestesiado por la brutalidad de su desaparición entreveré, acaso, la íntima extensión del duelo. Para conjurar al miedo, ya desde muy niño, imaginaba ese momento con todo detalle. Fantaseé tanto con él que cuando llegó... me sentí aliviado. Es como si me hubiera dicho: “Ya está, ya ha ocurrido. Un horror menos que vivir, algo es algo”. Pero en todas esas fantasías mórbidas, en aquellas escenificaciones, en aquella preparación ritual, hay algo que no podía saber... Nada te prepara para la permanencia de la abominación”.

En definitiva, non quero caer no exceso de afirmar que este álbum é peor que os anteriores, senón simplemente reafirmarme no meu xuízo sobre o global da obra á que, con sinceridade, non sei se concederei máis oportunidades.

Entradas relacionadas:

Os combates cotiáns
Os combates cotiáns: tantas cousas pequenas

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Non concordo.
A min gústame a obra e a serie, e mesmo neste parágrafo, posto aquí fora de contexto entendo de que fala Larcenet.
Se cadra é porque a miña visión é mais superficial, eu non fago análise nin a sei facer.
Será por iso tamén que valoro tanto as análises que fai vostede ;-)

Ollo de Vidro dixo...

Ola Ghanito, imaxinaba por algunha cousa que lera no teu blog que che gusta Larcenet e os seus Combates. Teño asumido que a miña opinión deriva de algo así como unha incompatibilidade persoal, vista a aceptación xeral da obra entre crítica e público. En calquera caso, eu tamén aprezo a túa opinión. Un saúdo.