É tan certo que o final de Give me liberty podía entenderse como un interesante punto de partida para unha posible secuela, como que a historia de Martha Washington ben podía terse dado por pechada daquela. Polo motivo que fose, Miller e Gibbons decidiron continuar a saga cunha segunda miniserie, a que nos ocupa, que ainda se vería seguida por unha terceira e derradeira, Martha Washington saves the World.
Ainda que existe unha coherencia argumental indubidable entre Martha Washington goes to war e a miniserie que a precedeu, a lóxica habitual das segundas partes ven a atenuar a audacia dos plantexamentos iniciais. Así, se a serie inicial xiraba en torno á idea da supervivencia individual no contexto dunha sociedade que se colapsa, a súa continuación recupera un tema menos orixinal, o da restauración das liberdades colectivas fronte ó totalitarismo. Miller tenta arredarse dos clixés propios do futurismo distópico mediante unha ollada distorsionante próxima á parodia. O resultado é unha obra correctamente plantexada, que mantén o interese, administra ritmos e alcanza unha conclusión congruente. Agora ben, malia todo o anterior esta segunda miniserie resulta menos audaz, áxil e orixinal que a precedente, sen que un atope un motivo consistente que xustifique a súa existencia. Podería apuntarse, anque disto non se pode culpar ós autores, que mesmo chegan a prefigurarse algúns dos excesos belicosos do cómic norteamericano dos 90, como pode intuirse vendo a portada deste tomo recopilatorio.
Dave Gibbons, pola súa banda, fai gala da súa coñecida precisión gráfica. É probable que algún dos seus deseños (uniformes, maquinaria…) parezan anticuados, pero unha pulcritude narrativa como a súa non pasa de moda nunca.
Entradas relacionadas
Ningún comentario:
Publicar un comentario