sexta-feira, fevereiro 23, 2007

Pyongyang




Tiven ocasión de asistir á interesante charla que Guy Delisle e outros notables autores (Frederik Peeters e Manu Larcenet) deron na Coruña o pasado verán co gallo da IX Edición das Viñetas desde o Atlántico. O carácter serio e adusto do quebequés contrasta co sutil sentido do humor que preside a que é probablemente a súa obra máis popular, Pyongyang.

A obra narra a experiencia do autor na capital de Corea do Norte, onde pasou uns meses traballando nun estudio de animación. É a suma de capitalismo e globalización a que conduce a Delisle, vía subcontrata, a traballar temporalmente nun país comunista, paradoxo que constitúe un interesante punto de partida e que ven a modular unha premisa que, de seu, non resulta excesivamente novidosa: o contraste entre Oriente e Occidente, entre comunismo e capitalismo. A ollada do autor non é (non pode ser) neutral, pero si resulta abondo intelixente como para non caer na mofa ou no paternalismo. Pola contra, Delisle amosa unha inequívoca intención de traspasar a capa de oficialidade e chegar a comprender na súa complexidade a realidade que ten diante de si. A ironía e un sano sentido do humor resúltanlle útiles para tomar distancia sen que a súa perspectiva se transforme en ollada por riba do ombreiro. Porén, son moitos os xuízos que deixa en suspenso, ó demostrarse tanto a parcialidade da súa experiencia (o seu tránsito limítase ós espazos que a autoridade lle permite visitar) como a imposibilidade de saber se as conviccións dos norcoreanos coinciden realmente coas súas manifestacións externas.

Unha obra tan peculiar como Pyongyang resulta difícilmente clasificable: non é propiamente un documental (xa hai quen empeza a falar dun xénero chamado “docucómic”) e calificala de obra autobiográfica probablemente resulte enganoso. É probable que o máis axeitado sexa aproximarse a ela deixando de lado etiquetas e prexuízos

5 comentários:

ghanito disse...

Home, eu diría que é un libro de viaxes.
É unha categoría moi clásica, e tan ampla que cabe de todo, mesmo un libro coma Pyongyang.
Permítome poñer aquí isto, para presumir (só un chisquiño).

Ollo de Vidro disse...

Si, sen dúbida pode considerarse un libro de viaxes. En canto ó teu debuxo (grrrr) non me preguntes por que estraño complexo non son quen de achegarme a un autor e pedirlle que me asine un libro...

Birnarem disse...

Non sei que pasa no mundo do comic adulto últimamente, pero está avanzando a pasos axigantados. Cada vez é un medio de comunicación máis válido, de denuncia, de reflexión, de opinión, ... Comics como Pyongyang, Píldoras Azuis, Persépolis, ... sen olvidarnos da eclosión da banda na nosa terra da man de Miguelanxo Prado, David Rubín, Kiko Novoa, ...

Ollo de Vidro disse...

Coido que o que evoluciona a este respecto non é tanto o medio como a actitude que cara el teñen os medios de comunicación.

O da xeración de creadores galegos, sen embargo, é un fenómeno a observar polos científicos. Tanta calidade entre tanta cantidade é algo insólito.

Birnarem disse...

Sí, os medios están moito máis atentos a todo este mundo, pero tamén é grazas ao traballo de promoción do propio mundo do comic, con festivais, eventos, ... e buscando outros medios alternativos de comunicación como internet.

De todos modos penso que o comic de hoxe en día logrou liberarse cáse totalmente (e segue avanzando neste terreno) do encasillamento e temática propia de comic.

Eu nunca gostei demasiado dos comics de superheroes, nin nos policíacos ou negros e non especialmente dos de temática futurista. Evidentemente moitos destes comics son de moita calidade, tanto de debuxos coma de argumento e guión.

Pero hoxe, os autores están creando con máis liberdade, é dicir, coma a literatura, un comic pode versar de calquera tema ou ambiente, algo que antes (supoño que pola súa saída comercial e encasillamento) estaba máis limitado.