Sandman Mistery Theatre foi e é unha colección peculiar. Matt Wagner e Steven T. Seagle ós guións e Guy Davis ós lápices acometeron unha recuperación da figura do Sandman clásico dos DC cómics en clave pulp: anos 40, ambientación urbana, tramas policíacas, personaxes enmascarados pero non superheroicos, etc. O resultado é unha serie impecable dende calquera punto de vista.
As tramas, dunha solidez indiscutible, introducen sempre elementos que permiten superar o esquema clásico dos whodonit. Cuestións como os conflictos raciais, as conductas sexuais minoritarias (ou minorizadas), as ambigüidades morais ou os conflictos familiares permiten trascender o que doutro xeito serían simples (anque moi correctas) intrigas policiais.
Pola súa banda, o labor gráfico de Guy Davis resulta igualmente salientable, tratándose da que probablemente sexa a súa primeira obra madura como autor, isto é, superadas as indefinicións das súas primeiras obras (Baker Street) e no camiño cara a súa mellor expresión artística (The Marquis). É probable que unha primeira ollada ó seu trazo solto e áspero poida levar a engano. Tras o seu acabado apurado acóchase un incuestionable dominio da figura humana, das expresións faciais e dos mecanismos narrativos, así coma unha evidente preocupación pola ambientación.
A pesares de todo o anterior, non deixa de resultar estraña a lonxevidade desta serie (uns 70 números), dada a súa escasa espectacularidade ou o limitado tirón popular dos seus autores. É, polo tanto, un motivo de ledicia que Planeta decidira retomar a publicación da serie no punto en que a deixara Norma. Acaba de sair á rúa o segundo tomo, titulado O Escorpión (números 17 a 20 USA), que reúne boa parte dos rasgos característicos da obra. Está por ver a acollida do público nesta segunda oportunidade. Oxalá que sexa boa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario