quarta-feira, março 22, 2006

Queen & Country: Operación Blackwall



Ainda que contaban con tramas dunha certa complexidade, a función esencial dos primeiros números da serie Queen & Country foi a de definir os personaxes e o contexto na que ésta habería de desenvolverse, traballo previo do que se beneficia cada novo arco argumental e que fai que a traxectoria da serie sexa claramente ascendente.

Norma ven de publicar o cuarto volume da serie, titulado Operación: Blackwall, no que os guións de Greg Rucka son traducidos a imaxes por J. Alexander, debuxante descoñecido para min ata agora. O seu estilo gráfico, moi semellante ó de Duncan Fegredo, pode resultar axeitado para a serie, de feito máis axeitado que o de calquera dos seus antecesores. Ainda así, presenta aspectos claramente mellorables, como unha certa indefinición nos rostros ou a resolución confusa das (escasas) escenas de acción.

Argumentalmente, a trama deste volume é máis sinxela que calquera das anteriores, pero a profesionalidade de Rucka fai que o interese non decaia. Por unha banda, o arco resólvese en tres capítulos, evitándose así que o argumento se prolongue en exceso. Por outra, son as relacións interpersoais e non a trama de espionaxe as que dotan de forza ó argumento. A relación triangular entre os tres actores principais da serie, ata agora só esbozada, pasa a un primeiro plano, resolvéndose cunha contención emocional moi de agradecer.

Non podo deixar de plantexar un problema matemático. O tomo que nos ocupa recopila tres números americanos en formato grapa; o prezo dese formato en España está, tratándose de edicións a cor, por debaixo dos 2 € (tratándose dun cómic en b/n como o presente o prezo sería bastante inferior). O prezo de 8 € establecido por Norma Editorial só pode calificarse, xa que logo, de usurario. De aí que un só se achegue ás publicacións desta editorial cando, coma neste caso, está moi convencido de que o producto en cuestión vai ser do seu agrado.

Sem comentários: