martes, marzo 14, 2006

DC: A Nova Fronteira



DC: A Nova Fronteira é probablemente a obra máis ambiciosa de Darwyn Cooke ata o momento e, se atendemos ós resultados de crítica e público, pode dicirse que tamén a máis exitosa. O certo é que, despois de tanto borrón e conta nova, revisión e recreación dos universos superheroicos, un non sabe onde ubicar exactamente esta obra. Recréase nela o tránsito da Idade de Ouro á Idade de Prata do cómic de superheroes, ca orixe da Liga da Xustiza de América como elemento central. E digo que se trata duna recreación xa que non hai exactamente unha posta en orde dos feitos tal e como aconteceron históricamente no papel e detrás del, senón unha reconstrucción intelixente e armonizadora dos mesmos.

Aparecida en USA como miniserie de 6 números e recén editada por Planeta en dous tomos, a obra responde ó propósito de recuperar unha inocencia na ollada sobre o imaxinario superheroico que semella imposible desde que viu a luz o célebre Watchmen de Moore e Gibbons. O propio autor afirma no epílogo que o concepto de heroe moralmente incólume que preside esta serie resulta en certa medida infantil. Agradécese unha confesión tan sinceira nun intre no que a tendencia é pretender darlle ó xénero un sesgo realista ou adulto incompatible cos seus propios alicerces. Hai en A Nova Fronteira tanto un exercicio de nostalxia coma unha reivindicación do dereito á inxenuidade, reivindicación inútil dado que a perda da inocencia é sempre irreversible. É por iso, porque se tenta recuperar un espirito que se esvaiu, que os excesos chovinistas presentes no tramo final da obra non chegan a renxer como o farían se as intencións fosen outras. Todo é anticuado en A Nova Fronteira.

Gráficamente, Cooke demostra que os maiores alardes de capacidade técnica poden presentarse en envoltorios sinxelos. Partindo dun esquema de tres cadriños rectangulares por páxina, con numerosas (e gozosas) splash e doble splash pages, o autor deixa fluir o seu inmenso talento artístico, aportando solucións tan apreciables estéticamente como eficaces narrativamente. Pola súa banda, a historia encaixa á perfección co aire retro e próximo ó cartoon do seu estilo plástico. Cómpre non esquecer o labor de Dave Stewart, cuio coloreado básico e luminoso resulta imprescindible na definición do tono da historia.

A cuestión é: ¿canta vida lle queda a un xénero cuias obras máis salientables nos últimos (¿vinte?) anos se caracterizan precisamente polo seu carácter pechado e autorreferencial?

Ningún comentario: