Xa declarei con anterioridade a miña condición de seguidor entusiasta da serie do Señor Jean de Dupuy e Berberian. Malia que a temática é a habitual e os personaxes son os de sempre, o volume que veño de rematar, A teoría dos solteiros, reúne algunhas características que o individualizan fronte ó resto dos que compoñen a serie.
Así, é o primeiro tomo do Señor Jean elaborado en branco e negro e nun formato máis compacto que o dos restantes episodios da serie. A ausencia de color leva ós autores a empregar un trazo de maior grosor e sombras máis expresivas. Dada a reducción no tamaño das planchas, hai tamén máis splash pages, ó tempo que o número de cadriños por páxina diminúe. A experiencia e talento dos autores fan que os resultados sexan satisfactorios, a pesares do cal un considera o formato anterior máis axeitado ás características destes autores, tanto no tocante ó tamaño como especialmente no relativo ó color.
Por outra banda, a pesares de ter sido elaborado con posterioridade ó cuarto volume, a ubicación cronolóxica do narrado neste quinto tomo sitúase antes daquel volume, concretamente entre As mulleres e os nenos primeiro e Vivamos felices sen parecelo. Os asuntos tratados e os personaxes son os habituais, consolidándose Félix como figura de contrapunto ó protagonista. Debo dicir, sen embargo, que o conxunto de historias breves que conforman este volume marca un dos puntos máis baixos da serie, se cadra porque non existe neste caso unha historia transversal á que se supediten os episodios concretos.
Por último, os dereitos de edición para España deste volume foron a parar a unha pequena editorial, Bang Cómics, e non á habitual Norma, o cal é sinónimo de aforro. Alén diso, a edición é correcta, ainda que o cambio na coloración da portada sorprende por inxustificada.
En definitiva, un Señor Jean menor o cal, cando menos para min, é bastante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario