venres, abril 28, 2006

Sandman Mystery Theatre: Dr. Morte



Matt Wagner e Steven T. Seagle son dous escritores cunha longa traxectoria ás súas costas e resultados dispares. Pódese dicir que Sandman Mystery Theatre é a serie na que ambos demostran unha maior regularidade. E é que todo presenta unha singular harmonía nesta colección. Os escritores definiron perfectamente o tono da serie e levárona con pulso firme valéndose, esencialmente, duns personaxes ben perfilados; o debuxante, Guy Davis, asumiu as liñas mestras da trama e traduciunas gráficamente con sobriedade e eficacia.

É certo que os distintos arcos argumentais seguen básicamente un mesmo esquema. O misterio que Sandman debe resolver adoita selo só para el, xa que o lector coñece de antemán quen está detrás dos actos que desencadenan a trama. Isto ven a demostrar que o propósito básico dos autores é xogar cuns personaxes polos que estes amosan un grande agarimo, antes que plantexarlle ó lector simples problemas detectivescos. Se Wesley Dodds é un protagonista atípico e entrañable, difícilmente subsumible na categoría de heroe de acción, a súa partenaire Dian Belmont representa a superación da figura feminina clásica neste tipo de aventuras: intelixente, activa, forte...

O tomo que ven de publicar Planeta leva por título Dr Morte e nel teñen lugar feitos decisivos para a relación entre os dous protagonistas, o cal suscita un evidente interese polos próximos capítulos. Para rematar, unha pregunta de lector excesivamente perfeccionista: ¿por qué na edición española se eliminan as citas da capa e se trasladan á contracapa?

Ningún comentario: