terça-feira, abril 25, 2006

Y, o último home: o anel da verdade



Pouco podo engadir ó meu comentario anterior verbo desta serie. Planeta acaba de editar o seu segundo tomo, recopilando os números 24 a 31 USA. Neles, o escritor Brian K. Vaughan recupera o mellor tono da colección (que decaera algo no arco argumental anterior), dosificando intelixentemente a información que comparte co lector, de xeito que a trama vai avanzando ó tempo que mantén o interese. En concreto, neste volume descobrimos unha primeira teoría acerca da causa que fixo que Y, o protagonista, sobrevivira á praga que acabou con todos os varóns do planeta. En calquera caso, insisto en que grande parte da eficacia da historia reside no suxerente da súa premisa inicial, motivo polo cal ésta non debería prologarse máis aló do necesario.

Habería que salientar a considerable progresión de Pía Guerra, artista co-creadora da serie e ilustradora da maior parte dos seus números. Fronte ó estatismo e a inexpresividade facial que caracterizaban o seu debuxo nos primeiros números, o seu traballo actual deixa patente unha mellora indiscutible en ambos aspectos. Por outra banda, a sobriedade do seu estilo resulta un aliado eficaz para os guións de Vaughan, que non precisan de alardes visuais senón de eficacia narrativa. Podo dicir, xa que logo, que o aspecto gráfico da serie é tamén agora motivo de disfrute, cousa que parecía pouco imaxinable nos primeiros capítulos.

O traballo de Vaughan e Guerra, xunto co de outros autores (Azzarello e Risso, Willingham, etc) contribuiu a reorientar (e polo tanto salvar) á liña Vertigo de DC, que levaba xa demasiados anos repetindo as fórmulas que determinaron o seu éxito inicial.

Sem comentários: