De Terenci Moix é ben coñecida a súa faceta como consumidor entusiasta de cultura de masas, fundamentalmente de cinema nortamericano. Tamén foi, porén, lector e estudioso dos cómics, recollendo as súas inquedanzas ó respecto na obra que agora nos ocupa, a Historia social do cómic. Publicado orixinalmente en 1968 baixo o título Os cómics, arte para o consumo e formas pop, este ensaio participa da corrente que, a finais dos 60, pretendía reivindicar a dignidade da historieta (e outros medios e linguaxes, como os productos televisivos, a canción popular ou a publicidade) como vehículo de expresión artística equiparable a outras formas inequívocamente asumidas como tales. Nese senso, resulta imposible achegarse ó texto que nos ocupa sen evocar outras obras da mesma tendencia, especialmente a célebre Apocalípticos e integrados que Umberto Eco publicara apenas tres anos antes.
Son moitas as obxeccións que se poden facer a esta obra, as máis delas condicionadas polo contexto en que foi concebida. Así, moitas das categorías empregadas caeron en desuso ou foron abertamente desbotadas. O autor emprega, por outra banda, excesivas enerxías na defensa de postulados que a día de hoxe poden resultar obvios. Igualmente, malia a vontade dignificadora que preside o estudio, certas apreciacións do autor semellan derivar dun certo complexo de inferioridade verbo da capacidades do medio. Por último, boa parte do contido da obra ficou obsoleto polo simple transcurso do tempo.
Sen embargo, o catálogo de virtudes da obra e o seu innegable interese actual resultan igualmente innegables. A axilidade da prosa de Moix, a súa clarividencia expositiva ou a concepción progresista e adiantada que explican a elaboración deste ensaio veñen a xustificar o valor do mesmo máis aló do meramente arqueolóxico. Irreprochable resulta tamén a análise de grande parte das obras, personaxes e autores estudiados. É digno de mención, a este respecto, o acertado exame ó que o autor somete á chamada “escola Bruguera”, tanto polo merecido recoñecemento que fai dos autores que a integraron, como pola correcta interpretación da carga ideolóxica e motivacional das súas obras, máxime se consideramos que ainda a día de hoxe está por levarse a cabo tanto o estudio definitivo daquela etapa como a posta en valor dos que a promoveron.
A lectura actual deste ensaio resulta, xa que logo, grata e valiosa por igual, polo que cómpre felicitar a iniciativa da editorial Bruguera ó recuperala nesta súa nova andaina.
Ningún comentario:
Publicar un comentario