domingo, abril 15, 2007

Como luva de seda forxada en ferro



Fronte a unha obra que aposta decididamente polo absurdo son posibles dúas actitudes: por unha banda, teimar na interpretación racional, rastrexando o texto na procura de claves que permitan a comprensión do seu argumento en sentido tradicional; por outra, deixarse levar pola narración asumindo que a súa resolución nunca será plenamente coherente. Probablemente, esta segunda sexa a actitude axeitada para unha obra como Como luva de seda forxada en ferro de Daniel Clowes, na que un protagonista desorientado e pusilánime se deixa levar por un mundo no que todo se axusta a unha lóxica respecto da cal só el e nós, lectores, permanecemos alleos. Publicada serialmente na revista Eightball, a obra recolle teorías conspiratorias e conductas estrañas ou turbias a cargo dun elenco de personaxes extravagantes que semellan actuar de acordo cun plan que se nos escapa. O debuxo de Clowes resulta, a este respecto, esencial para dar consistencia á narración. O seu acabado deliberadamente tosco e feísta imprime o tono preciso a un relato por outra banda favorecido polo seu indiscutible talento narrativo.

No tramo final, parte dos interrogantes que plantexa a trama obteñen resposta, chegando aquela a unha caste de compromiso entre o convencionalismo e o absurdo extremos. Sen embargo, non podo deixar de pensar que obras como ésta encauzan a súa vontade de transgresión polo camiño máis doado. O distanciamente que impoñen a liña argumental e gráfica tradúcese nun rupturismo inmediato pero superficial, dende o meu ponto de vista, menos eficaz que outras opcións máis arriscadas nos contidos que nas formas.

Entradas relacionadas

Ice Haven

Ningún comentario: