mércores, decembro 27, 2006

Ice Haven



Random House – Mondadori iníciase na edición de cómics publicando a recente Ice Haven de Daniel Clowes, unha das figuras senlleiras do independente norteamericano. Probablemente, o primeiro que chama a atención nesta obra é o seu formato: 14,5 cm de alto por 20,5 de longo, é dicir, un formato horizontal que semella axeitarse ó das tiras dos xornais antes que a unha novela gráfica (termo sobre o cal, por certo, o autor descarga acertadamente a súa ironía). Diríase que dende a propia concepción formal da historia, Clowes renuncia a seguir o camiño fácil, vontade que se fai extensiva ó resto da obra. Así, partindo dunha premisa non excesivamente orixinal, a conmoción que provoca nunha pequena vila o secuestro dun neno, o autor vai tecendo unha historia na que se entrelazan perspectivas múltiples sobre uns mesmos feitos que nos permiten non só achegarnos a aqueles, senón tamén ós habitantes de Ice Haven.

Deste xeito, preséntasenos unha infancia inadaptada, insegura e chea de medos e, en perfecta correlación, a uns adultos contradictorios, frustrados e igualmente inadaptados. Pero por riba de todo, destaca a ollada de Clowes, o suficientemente próxima como para facer retratos emocionalmente significativos ó tempo que distante abondo para non xulgar o mundo que describe. A intención irónica axiliza a lectura sen chegar a impoñerse ó lector.

O reultado é unha obra complexa na construcción pero de lectura doada, que esixe un certo esforzo por parte do lector ó que se compensa cunha historia repleta de contido, de humor intelixente e de bo facer narrativo. En defnitiva, Ice Haven ven a demostrar que no cómic se asumen como normais obras que noutros medios serían consideradas de vangarda.

Ningún comentario: