terça-feira, julho 03, 2007

Sleeper: Todo é mentira - Unha liña borrosa



A pesares de tratarse de dous tomos consecutivos hai unha grande diferencia entre o segundo e o terceiro arco argumental da serie Sleeper. O primeiro deles, Todo é mentira, desenvolve o plantexamento inicial da serie e o leva á sua conclusión parcial co peche do primeiro volume e un sutil cambio de estatus do protagonista. Grande parte do interese da serie pivota en torno á súa suxerente premisa: Holden Carver, axente infiltrado nunha organización criminal queda á súa sorte cando a única persoa que sabe da súa condición de axente doble cae en coma. O instinto de conservación, o coñecemento íntimo do inimigo e o rancor cara quen o puxo nunha posición tan complicada lévano a cuestionarse as súas lealdades, nun proceso contradictorio que se complica a medida que na organización criminal medran as sospeitas de contaren cun infiltrado nas súas filas.

Ed Brubaker desenvolve con pulso firme a potencialidade deste escenario e faino co bo criterio de non prolongar as situacións máis do debido. As dúbidas de Carver e a súa posición ambivalente resólvense no número 12 da serie orixinal, capítulo final deste primeiro tomo e punto de partida para a segunda etapa da serie. Malia a dar por finalizada unha premisa que funcionaba correctamente, paréceme atinada a idea de non prolongala en exceso e, pola contra, someter á serie a unha evolución proveitosa.

Unha liña borrosa é o primeiro arco desta segunda etapa no que, co escenario, muda considerablemente o tono da serie. Perde forza o enfoque de xénero negro ó tempo que se lle da entrada a elementos ata entón prácticamente ausentes, como algún concepto de ciencia ficción. O resultado é, como a liña do título, un tanto difuso, perdendo a serie boa parte dos seus rasgos de identidade e caendo nunha certa indefinición. Conserva, iso si, a ollada cáustica e socarrona sobre as convencións superheroicas, explicitada nesas orixes dos personaxes narradas en terceira persoa.

O que se mantén inalterado dun a outro volume é o labor de Sean Phillips no debuxo, inconmensurable na tarefa de responder gráficamente ás esixencias do guión. Unha ollada ós traballos anteriores deste artista pon de manifesto ata que punto altera o seu estilo, especialmente no deseño de páxina, para dotar á serie dunha imaxe de seu.

Entradas anteriores
Sleeper: Á súa sorte

2 comentários:

ghanito disse...

Encantoume a obra, nomeadamente que a fixeran rematar sen prolongala eternamente e mesmo o ton do seu final.

Ollo de Vidro disse...

As produccións seriais teñen ese problema: que se funcionan aceptablemente no terreo comercial tenden a prolongarse máis do que lle convén á trama. Clausuralas a tempo adoita ser imprescindible para salvagardar a súa coherencia. Unha sorte que neste caso fose así.