sábado, marzo 29, 2008

Chinés americano



American born chinese”, o título orixinal deste Chinés americano (La Cúpula, 2007) de Gene Luen Yang resulta revelador do mundo en que vivimos no que, ó parecer, se lle concede á etnicidade unha natureza case biolóxica. A voz orixinal, irreprochablemente traducida, parece incidir na primacía da etnia sobre a nacionalidade: fálase dun “chinés nacido en América”, dun rapaz que non deixa de ser chinés por máis que viva dende que naceu nos Estados Unidos. Semella que para ser norteamericano (e coido que isto non é exclusivo deles) hai que observar toda unha serie de normas que van alén das que estrictamente regulan a adquisición da nacionalidade.

Xa que logo, parece normal que un “american born chinese” como Jin Wang, o protagonista do relato, conciba a adquisición da condición real de “americano” coma un proceso de conquista no que debe renunciar a aqueles rasgos que o vencellan á cultura que hereda dos seus pais. Así pois, a idea de integración como xeito de regular a convivencia conservando a diversidade cultural presente na sociedade semella claudicar fronte a forza asimiladora e os sutís mecanismos de imposición da cultura dominante.

Estas ideas conforman o sustrato da historia que desenvolve Luen Yang, baixo a forma dun relato de adolescencia típicamente ianqui (instituto, popularidade, deportes, primeiro amor, amizade…) ó que se engade a narración de lendas chinesas como acertado contrapunto. O estilo gráfico do autor achégase a certas formas moi populares na animación televisiva máis recente, con debuxos sintéticos, deliberadamente planos e un colorismo moi vivo. Malia a ser evidente, a vocación moralizante da historia preséntase cun distanciamento que permite disfrutala sen a molesta sensación de estar a ler un manual de corrección política.

Ningún comentario: