venres, marzo 21, 2008

Queen & Country: Operación Alforxas



Lonxe de pretender perpetuarse repetindo esquemas, Greg Rucka ten amosado a súa intención de someter a serie da súa creación, Queen & Country, a cambios constantes. Así, dun xeito natural e case imperceptible, nos vintecinco capítulos que ten publicado Norma xa se produciron sucesivos trocos (algún deles por pasamento) na titularidade dos Monitores e altos cargos do M15, o servizo de intelixencia británico no que se centra a serie.

Este sétimo volume da serie regular titulado Operación Alforxas (Norma, 2008) arranca cun primeiro número autoconclusivo destinado a profundizar no entorno familiar da protagonista Tara Chace. A evidente intención de Rucka de lle conferir profundidade ó seu personaxe fetiche pode resultar digna de aprecio, pero falla a execución, na que falta calado real e sobra dramatismo de culebrón. O debuxante Steve Rolston segue a parecerme un artista inaxeitado para esta serie, por máis que teña mellorado sensiblemente dende o primeiro arco que debuxou nela.

Os tres números restantes recuperan o tono habitual da serie, con Tara estrenándose coma Monitor Un e tomando a un Monitor Tres novato coma compañeiro. A trama séntase e resólvese coa corrección que adoita demostrar Rucka, optando por un desenlace cuxa orixinalidade fronte ós esquemas clásicos (televisivos, cinematográficos) do xénero de espionaxe pode resultar ata certo punto anticlimático pero tamén, e se cadra por iso, sorprendente e interesante. O debuxante, Mike Norton, acompaña e pouco máis: mantén un bo tono na caracterización pero presenta claros problemas en narración. A falta de adversarios fixos, o guionista preferiu enfrontar ós protagonistas coa cadea de mando, de xeito que se mantén o interese de cara á continuación da serie.

Entradas relacionadas – Queen & Country

Ningún comentario: