mércores, decembro 19, 2007

Promethea 2



O máis inmediato e evidente que se pode salientar da serie Promethea é o seu magnífico acabado gráfico. Cada unha das páxinas que compoñen a serie agocha un coidadísimo traballo de planificación que se traduce nunhas planchas repletas de detalles e simetrías que merecen unha contemplación máis extensa que a estrictamente precisa para levar a cabo a lectura. Anque parece obvio que parte do mérito lle corresponde a un Alan Moore cuxos guións non adoitan deixar aspectos como éste ó azar, non é menos certo que a execución de J.H. Williams III resulta pouco menos que perfecta.

E así atopamos que cada capítulo dos que integran este segundo volume da serie, ó igual que acontecía cos seis primeiros, compón unha unidade temática e formal con sustantividade de seu, dende a portada ata a última páxina, algo que se fai especialmente evidente nos dous capítulos finais do tomo. O primeiro, cunha estructura que invirte o sentido da páxina, recolle unha homenaxe ás produccións catastróficas de serie B. O segundo, unha viaxe psicodélica (en verso) polo concepto máxico do universo e a historia que mantén unha estructura repetitiva a partir das cartas do tarot, o scrabble e Aleister Crowley. Afeitos como estamos a cómics mensuais de escaso contido por teren sido concebidos como un eslabón molesto pero necesario, previo á recopilación, a fórmula de Moore en Promethea demostra que o tebeo de 24 páxinas pode ser un recurso válido se se lle sabe dar un uso axeitado e que unha división en capítulos perfectamente visibles non ten por que entorpecer a lectura continuada do conxunto da serie.

Polo demáis, nos capítulos deste tomo prosegue o discurso sobre a imaxinación, a arte e a historia pero outorgando predominio ó que, en boa medida e dende o punto de vista de Moore da unidade ó conxunto, a maxia, lugar común da súa obra. E ainda tratándose en boa medida da divulgación dunha concepción máxica da realidade, Moore consegue traducir a términos amenos a farragosidade inintelixible de Serpes e escaleiras, ó tempo que evita caer en delirios new age.

Dous motivos máis a prol desta magnífica reedición: a honrosísima traducción de Raul Sastre, doblemente salientable na época de vacas fracas que vive o cómic en España; a favorable relación calidade-prezo do producto, que Norma se permite dende que imprime, como diría Carod, na China Popular.

Entradas relacionadas – Promethea
Promethea 1

Entradas relacionadas – Alan Moore
Top 10
Cousa do Pantano: No pantano

Ningún comentario: