domingo, abril 26, 2009

As Falanxes da Orde Negra



A finais dos 70, un grupo de vellas glorias do fascismo europeo comete unha brutal matanza nunha aldea da provincia de Zaragoza. As autodenominadas Falanxes da Orde Negra propóñense perpetrar accións desta natureza por toda Europa, non tanto para influir na evolución política de final de século canto para expresar a súa protesta ante a superación dos vellos modelos totalitarios e o establecemento dun modelo social, as democracias burguesas, que consideran dexenerado. A reacción ten lugar axiña: un grupo de antigos membros das Brigadas Internacionais reúnese coa idea de poñerlle fin á actividade terrorista das Falanxes.

As Falanxes da Orde Negra (Norma, 2004) plantexa, xa que logo, un segundo round para as forzas que se enfrontaran cuarenta anos antes, durante a Guerra Civil española. Sen embargo, anque os suxeitos implicados sigan ancorados nos seus respectivos idearios, o paso do tempo transforma inevitablemente o significado da súa confrontación. Así, o que fora un acontecemento crucial na primeira metade do século XX non pasa de ser agora un suceso anecdótico na axenda europea. Aínda que con certa repercusión social, as accións das Falanxes percíbense coma un anacronismo ao que as autoridades dos distintos estados europeos non queren dar moita publicidade e en cuxa persecución non invirten excesivos esforzos. Son os ex-brigadistas os que encaixan as accións do grupúsculo fascista coma unha afrenta persoal e os que, consecuentemente, asumen a obriga de eliminalos.

Xa que logo, lonxe do que podería parecer nunha primeira aproximación, a historia de Enki Bilal e Pierre Christin non postula a atemporalidade dos ideais senón precisamente o contrario, a súa caducidade. Ultradereita e esquerda libertaria enfróntanse agora nunha burbulla que os arreda dunha realidade na que foron desactivados. Se os que foran brigadistas na Guerra Civil aceptan abandonar as súas vidas acomodadas (entre eles hai un ministro, un xuiz, un profesor universitario…) para reincorporárense á loita armada é porque realmente se atopan tan fóra de coordenadas coma as súas némeses fascistas. E xa que logo, o que podería entenderse coma a oposición violenta de dúas visións políticas devén en algo máis semellante a un axuste de contas persoal.

Mención aparte merece o labor gráfico dun Bilal que se recrea na reproducción de escenarios europeos: a Barcelona modernista, a Roma histórica, a montaña suiza… A aparente simplicidade das composicións e o asoballante dominio narrativo rivalizan coa beleza das planchas do artista serbio, xustificando a súa condición de clásico contemporáneo da BD europea.

Ningún comentario: