martes, maio 05, 2009

As serpes cegas



Cómpre recoñecer o esforzo de imaxinación e medios que BDBanda está a facer para poñer en mercado uns álbums que, por calidade de edición e de contidos, resultan plenamente homologables á mellor BD europea.

As serpes cegas (BDBanda, 2008), escrita por Felipe Hernández Cava e debuxada por Bartolomé Seguí e que apareceu inicialmente serializada na revista BDBanda para ser posteriormente compilada nun único tomo, pode constituir un exemplo perfecto. Partindo dos movementos de filiación comunista xurdidos na Norteamérica da primeira metade do século XX, Cava desenvolve con oficio e un grande sentido do equilibrio unha historia que confronta idealismo e pragmatismo no que ao compromiso político atinxe, e que integra con naturalidade elementos que, tratados con menos habelencia, terminarían renxendo. Seguí non só se amosa coma un debuxante completo, capaz de combinar unha narrativa eficaz con pranchas de indiscutible beleza; ademáis o seu estupendo labor na definición das localizacións, o Nova York dos anos 30 do século pasado e a España da Guerra Civil, outórgalle un atractivo adicional á obra.

Do perfecto entendemento entre os dous autores xurde un traballo sen fendas, cuxa calidade se viu corroborada pola súa recente nominación no Saló del Cómic de Barcelona nas categorías de mellor obra e mellor guión (por máis que xurdise ao respecto unha polémica absurda). Apenas un pero que facerlle a esta edición: non consta de quen é a tradución ao galego.

3 comentarios:

Anónimo dixo...

Si que consta de quen é a tradución: aparece nos créditos (páx. 2): Francisco Manuel Paradelo Rodríguez.

Ollo de Vidro dixo...

Terei que revisar o exemplar que lin porque lembro telo consultado precisamente nos créditos. E despois terei que revisar a vista, seica. Grazas polo dato!

Ollo de Vidro dixo...

Pois reviseino e non, na miña edición non consta, pero coido que sei por que: o exemplar que lin tiña un fallo de edición, de xeito que as primeiras páxinas do cómic aparecían en castelán. Reparando nos créditos, tamén están en castelán polo que esa páxina dous no meu exemplar "en galego" corresponde á edición en castelán. Supoño.