Os primeiros números desta serie constataban algo que todos sabemos: que os rasgos proprios da ciencia ficción crean un terreo propicio para cavilar sobre asuntos de natureza política ou social. Así o teñen demostrado ducias de clásicos do xénero e tamén esta particular serie, cuia premisa inicial (a morte de todos os varóns do planeta agás un) constituiu a excusa perfecta para a reflexión sobre certas cuestións de xénero, dende a pura constatación da absoluta maioría masculina nos postos de poder de calquera natureza, ata a elucubración acerca de como seria un mundo rexido por mulleres (respecto a esta última cuestión, un concorda coa visión pesimista do autor que, lonxe de dar unha resposta inocente e idílica, prefire manter que certos vicios forman parte da natureza humana e non só do xénero masculino).
O certo é que esta compoñente, tan presente nos primeiros números de Y, o último home, vai perdendo forza a medida que a serie avanza, de xeito que á altura do tomo que nos ocupa (que contén os números 32 a 36 da edición orixinal) pode considerarse como residual ou simplemente desaparecida. Y... é agora unha serie de acción e aventura, por outra parte, perfectamente levada polo seu autor e creador, Brian K. Vaughan, que segue a administrar eficazmente o grao de sorpresa e axilidade que reclama unha historia desta natureza. Os seus principais puntos de apoio veñen constituidos por uns personaxes sólidamente definidos (Yorick, a doutora Mann e 355), así como pola sensación de que o conxunto da trama conduce cara algún punto (final) definido. Con todo, un agradecería que o tono da serie experimentase un retorno ás orixes no sentido sinalado.
No apartado gráfico, Goran Sudzuka cumple con eficacia nos catro primeiros números, mantendo a coherencia formal da serie ata a chegada da debuxante habitual, Pia Guerra, no último capítulo do volume.
Ningún comentario:
Publicar un comentario