martes, xaneiro 10, 2012

Scarlet 1



Como toda unha estirpe de superheroes da que Batman podería ser o paradigma, a protagonista de Scarlet (Panini, 2011) constata en primeira persoa a incapacidade das institucións para protexer a sociedade e asume persoalmente o deber de restaurar a orde violentada. Porén, ao contrario que os heroes en leotardos, Scarlet utiliza armas de fogo (obviemos que o primeirísimo Batman tamén) e non ten reparos en asasinar aos seus adversarios, o que a achegaría á figura do vigilante fascistoide estilo James Bronson. Mais habería aínda un terceiro matiz, e é que o seu obxectivo explícito non é o de levar a cabo unha cruzada individual senón o de presentarse como símbolo de rebeldía fronte a inxustiza imperante e dar pé a unha revolución social.

Brian Michael Bendis establece os alicerces desta nova cabeceira cunha lentitude enervante que non é nova na súa produción. Tampouco o debuxante Alex Maleev ofrece a mellor versión de si mesmo, disimulando a constante introdución de fotografías nas súas páxinas cun acabado sucio e viscoso. Entre o mellor da proposta, que os autores son quen de provocar dúbidas sobre a lexitimidade das accións da protagonista; a conexión do argumento con fenómenos actuais como o altermundismo ou a súa versión máis recente, o movemento indignado; e, por último, que o relato remata deixando a impresión de que o que está por vir pode ser máis interesante que o ata agora visto.

2 comentarios:

AnnaRaven dixo...

Michael Bendis... enervante lentitude... vale, non me convence moito

Ollo de Vidro dixo...

Con todos os seus defectos, hai obras de Bendis que si me gustan: Alias, os primeiros números de Powers... A quen vexo moi desmellorado nesta obra é a Maleev, aparentemente comodón e despreocupado.