xoves, maio 31, 2007

O banyan vermello



Un dos autores españois que máis premios e mellores críticas obtivo ó longo do 2006 foi Carlos Vermut, debido precisamente á publicación de O banyan vermello. E lendo a obra devandita un pode entender por que.

Vermut propón en O banyan... unha historia de inspiración oriental e tono fantástico, sinxela no contido e de lectura doada, na que destaca, por riba de todo un peculiar alento narrativo, un sentido da acción e da aventura que, salvando as distancias, lembra a Sfar, e que catapulta ó lector de páxina en páxina ata a súa conclusión. A economía de medios e o carácter directo dunha narración que se presenta lixeira de ornamentos inútiles non só resultan valiosos de seu, senón que, tratándose da primeira obra longa do autor, demostran unha madurez e contención pouco frecuentes. Gráficamente, Vermut tamén é quen de sacarlle o mellor partido ó seu estilo sintético, apoiándose nun uso intelixente da coloración (a ilustración de cuberta é unha boa mostra) e nunha narrativa dinámica e eficaz. Apreciando a obra no seu conxunto un ten a sensación de que o seu autor ten aínda moito e moi bo por ofrecer.

Cómpre felicitar a Dib·buks, unha editorial que na súa curta traxectoria xa ten demostrado un excelente criterio e un coidado exquisito no acabado dos seus libros. Non obstante, a obra que nos ocupa tería saído beneficiada se o seu tamaño fose maior ou, cando menos, se o das marxes fose máis reducido.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Concordo ó 100% ca valoración da obra e o autor e tamén ca queixa do tamaño que eu mesmo xa percibira.
Por certo, Vermut ten blogue

Ollo de Vidro dixo...

O do tamaño (¿quen dixo que non importaba?) paréceme especialmente evidente. Xa lle botara un ollo ó blog de Vermut. Un día que teña tempo e ganas terei que actualizar as miñas ligazóns...