xoves, maio 10, 2007

Blacksad: Un lugar entre as sombras



O primeiro tomo de Blacksad non só acumulou un número importante de premios e mencións, senón que ademáis gozou do favor do público. Buscando as claves deste éxito, é ineludible referirse ó soberbio debuxo de Juanjo Guarnido, cuia carga referencial non lle impide chegar paradóxicamente a unha síntese sumamente orixinal. As súas figuras recollen rasgos propios da animación infantil e os funny animals, pero a súa antropomorfización non segue os esquemas clásicos, senón formas máis propias do cómic adulto. O contexto espacial e a coloración entran en sintonía coa inspiración noir do argumento, resultando unha amalgama harmónica e eficiente.

Tamén a historia desenvolvida por Díaz Canales semella resultar decisiva para a popularidade do producto. A súa adscripción entusiasta ó xénero negro permite unha rápida categorización da obra, suscitando no lector unhas expectativas que se verán plenamente satisfeitas. Agora ben, o texto acusa igualmente unha simplicidade que pode exceder o desexable, facilitando a dixestión do producto non pola vía da esixencia senón pola da comodidade. O guión non evidencia nengunha vontade de actualizar os parámetros da serie negra, na liña doutros inspirados productos actuais, senón que, pola contra, se acolle ós canons máis clásicos do xénero, limitándose a plantexar e resolver congruentemente unha trama policial.

Esta falta de ambición perxudica a obra, facendo que funcione mellor como mero capítulo inaugural da serie, presentación dos personaxes e do escenario da trama, que como obra independente.

Ningún comentario: