venres, maio 11, 2007

Caderno de viaxe



Un dos aspectos máis fascinantes da Banda Deseñada como medio é que moitas das súas potencialidades están ainda por desenvolver, cando non por descubrir. Este Caderno de viaxe de Craig Thompson pode ser un bo exemplo. Como o seu nome indica, trátase duna caste de diario no que o autor de Blankets recolleu a crónica dunha viaxe por algunhas cidades de África e Europa (Marrakesch, Paris, Tolouse, Montpellier, Barcelona...). A obra participa dunha natureza híbrida, xa que combina pasaxes puramente descriptivas (paisaxes, retratos, crónicas de viaxes) con outras de contido narrativo, nas que o autor e aqueles cos que interactúa se transforman en personaxes dunha singular historia, atropelada e desleixada como a realidade mesma.

O resultado é unha obra sumamente agradable, máis interesante canto menos intenta o autor interpoñer a súa personalidade, algo que pode parecer paradóxico, mesmo imposible, nun relato vivencial. Faise evidente o propósito por parte de Thompson de superar as súas coordenadas culturais e facer unha narración non prexuizosa. E sen embargo, malia retratarse en máis dunha ocasión coma un cateto do Medio Oeste ianqui no que constitúe un exercicio de autocrítica digno de eloxio, un non pode deixar de interpretar algúns dos seus comentarios como visións estereotipadas (mesmo ou especialmente no positivo) sobre Europa e os europeos ou sobre a cultura musulmana.

Probablemente por iso o máis destacado do libro sexa, ó meu entender, o despregue do grande talento gráfico do autor, inmediato e vital en paisaxes e retratos e sumamente eficaz nos interludios narrativos. A edición dunha obra como esta non deixa de ser arriscada, por máis que se trate dun autor dun certo prestixio, motivo polo que cómpre felicitar a Astiberri.


Ningún comentario: