xoves, xullo 07, 2011

Deadman de Neal Adams



Como recolle o texto introdutorio desta compilación (Planeta, 2007), detrás da creación do personaxe de Deadman está a intención de DC comics de darlle azos novos a unha cabeceira, Strange Adventures, que esmorecía vagarosamente. Falamos de finais dos anos 60, cando as antoloxías de historias de xénero (intriga, crime, terror, ciencia ficción, folletín) que agromaran nas décadas precedentes entraban en decadencia por causas diversas, nomeadamente o esgotamento das fórmulas que empregaban de xeito recorrente. Deadman, o novo personaxe, envolvía unha orixe sobrenatural nunha apariencia de superheroe, posibilitando uns argumentos que engadían ao leit motiv da cabeceira (o misterioso, o máxico, o macabro) elementos do xénero que naquel intre recuperara o favor popular, o dos heroes enmascarados.

Creado polo escritor Arnold Drake e o debuxante Carmino Infantino, o personaxe aparece frecuentemente vencellado a Neal Adams, artista que se faría cargo dos lapis do serial dende a súa segunda aparición e que mesmo escribiría algúns dos argumentos posteriores. Se algún interese ten hoxe a lectura daqueles números é precisamente o de contemplar as páxinas dun Adams que anunciaba un cambio de paradigma no debuxo superheroico. Acabado realista, composicións calculadas, viñetas asimétricas, perspectivas extremas, enfoques forzados, todo un desafío visual para un lector afeito a unha narrativa máis convencional. A súa influenza foi longa, como proba, por exemplo, a minuciosidade con que un Bill Sienkiewicz principiante imitaba o seu estilo nos primeiros números de Moon Kinght, case quince anos máis tarde.

Mais a forza do grafismo non se ve correspondida por uns argumentos pexados pola restricción de espazo e pola súa suxeción a unha estrutura repetitiva. O personaxe demostraría ter interese abondo para ser recuperado periódicamente como secundario, convidado ou mesmo protagonista das súas propias miniseries, aínda que nunca chegou a ser unha figura de primeira liña no seu universo editorial. Neal Adams seguiría medrando como artista ata se converter, a partir dos 70, nun dos ilustradores máis relevantes do tebeo norteamericano.

Ningún comentario: