domingo, julho 31, 2011

O heroe 1



Pouco se pode engadir ao moito que se ten escrito sobre O heroe (Astiberri, 2011), o novo traballo dun David Rubín que artella unha reflexión sobre a figura do heroe a partires da revisión do arquetipo heroico por excelencia, Heracles. Existe un consenso xeral respecto do salto cualitativo que esta obra supón na traxectoria do autor ourensán, así coma unha ampla coincidencia verbo das súas virtudes.

A primeira e máis obvia diferencia entre esta obra e as que a precederon é a súa extensión. O demostrado talento de Rubín para a narración breve enfronta agora a proba que supón elaborar un macrorrelato que ten neste tomo de máis de 200 páxinas só a súa primeira parte. O artista supera claramente o reto, sostendo un ritmo narrativo envexable ao longo de todo o volume, ritmo que se ve favorecido por unha estrutura marcadamente episódica na que se seguen as célebres probas que debeu confrontar o heroe grego. Non se trata de valorar máis estre traballo pola súa maior extensión (a complexidade que implica a construción dun relato breve non é en absoluto desprezable), senón de constatar o risco que asume o autor nun terreo apenas explorado por el e o espirito de superación que está detrás desa decisión.



Chama tamén a atención o uso das cores, recurso que o autor ourensán empregara xa puntualmente en traballos previos, mais ao que nunca concedera o protagonismo que acada nesta obra. Nin o lector menos atento poderá obviar o festival cromático que abrolla das páxinas de O heroe. Cada capítulo ten as súas propias tonalidades, sempre intensas, básicas, nunca naturalistas, acentuando o sentido de espectáculo e a condición fantástica do narrado. Toda unha catarse de luces que contrasta co sobrio branco e negro que predominara na obra previa do autor.

Pero por riba de todo, deslumbra o talento narrativo dun Rubín que desprega un catálogo de recursos tan amplo que ata poderiamos considerar excesivo se non resultase, ao tempo, plenamente funcional. Cada episodio ten a súa feitura, cada páxina semella ser resultado dunha coidada planificación, alternando composicións simétricas con cadriños asimétricos, páxinas a splash e dobre splash con planos detalle, incorporando lances mudos ou case mudos, empregando onomatopeas coma marco… Curiosa tamén a facilidade coa que Rubín condensa influenzas variadas e dispares nun estilo persoal e coherente: tansicións que lembran a Miller, acenos propios do manga, perspectivas estilo Kirby, planos cinematográficos, expresividade cartoon…




A obra válenos tanto para constatar a facilidade con que poden traerse á actualidade os mitos gregos como para disfrutar cun Rubín que leva un paso máis aló os lugares comúns da súa propia obra. O ourensán debe confrontar agora un novo reto, o de poñer fin a este traballo sen defraudar as altas expectativas que xurden da primeira entrega.

Entradas relacionadas
O circo do desalento
Uxío Novoneyra: A voz herdada
Corazón de tormentas

3 comentários:

Octavio B. (señor punch) disse...

moy bo texto Belano, enlazado xa nas redes sociais (vanche chover visitiñas, meu!!!) :D

Octavio B. (señor punch) disse...

por outra veira, eu penso que estamos ante o cómic do ano, de momento. sen nacionalidades, poucos lle fan sombra.
Da 2ª parte, confío na inercia, o talento e o contento/seguro que vese a Rubín coa 1ª parte: o díptico vai ser de campás

Ostias! palabra de verificación, lo juro por dios y Odin, "punch".

Ollo de Vidro disse...

Graciñas polo comentario e tamén pola difusión. Eu tampouco vexo probable que a continuación decepcione, abonda con que Rubín siga o camiño trazado neste primeiro tomo.

Se che saiu "punch" como palabra de verificación, a min calquera día sairame "belano"...