terça-feira, julho 05, 2011

Lois Pereiro. Breve encontro



Por segundo ano consecutivo, a produción editorial que rodea o Día das Letras Galegas vese enriquecida pola presenza dun cómic adicado á figura do autor galardoado. Se o ano pasado foi o moi notable Uxío Novoneyra: A voz herdada (Xunta de Galicia, 2010) de Kike Benlloch e David Rubín, este ano atopamos este Lois Pereiro. Breve encontro (Xunta de Galicia-Xerais, 2011) de Jacobo Fernández Serrano, significativamente subtitulado Un achegamento comiqueiro á biografía e á obra do poeta. A obra ten distribución comercial, o cal permite compatibilizar o loable propósito de fornecer con exemplares as bibliotecas, centros de ensino e demais institucións públicas coa posibilidade de que os lectores interesados o merquen.

Formalmente, Fernández opta por facer recoñecibles os personaxes sen someterse absolutamente á ditadura das semellanzas, ao que engade unha coidada posta en páxina, pulcra, ordenada. De aí pasa a construir un relato complexo, no que as vivencias do poeta aparecen mesturadas con extractos da súa propia obra ou mesmo coa traslación ao formato cómic dalgún anaco de entrevista. Non é pequeno o reto de acompañar con imaxes e traducir á linguaxe do tebeo textos tan traballados coma os versos de Lois, a súa Modesta proposición... ou mesmo fragmentos da correspondencia que se ten publicado como Conversa ultramarina. É na dificultade deses lances onde Fernández demostra sentido estético e versatilidade, ofrecendo solucións narrativas que non deixan de ser persoais, por máis que lembren a autores que van dende McCloud ou Mazzuchelli ata Max ou mesmo David B. A obra remata con Fernández fabulando sobre a vida ultraterrea dun Pereiro transformado xa en personaxe, deixando constancia dunha vontade de ir máis aló do puramente documental e buscar outra forma de verdade, a ficcional.

O tebeo de autor ten amosado recentemente unha querenza polo xénero biográfico e nese ronsel podemos situar esta obra, por máis que o seu contexto inmediato veña dado polo noso Día das Letras. Breve encontro sae a luz cando xa rematou o ano Pereiro (tan fértil, por certo), o cal probablemente lle restará visibilidade e difusión, mais estamos perante un traballo que se sostén por si só e cuxo interese trascende con moito a súa dimensión divulgativa. Un querería que un cómic coma este, que revela a presenza dun autor maduro e cunha voz definida, tivese unha oportunidade no noso sistema editorial sempre, con intervención pública ou non, co pretexto do Día das Letras ou sen el. Oxalá esteamos nese camiño.

2 comentários:

Armando Requeixo disse...

Estupendo comentario que convida á lectura! Saúdos.

Ollo de Vidro disse...

É que realmente a lectura paga a pena. Grazas, Armando!