luns, xullo 18, 2011

Jazz Maynard: Unha triloxía barcelonesa



O escritor Raule e o debuxante Roger Ibáñez acadaron o éxito, tras moitos anos traballando xuntos, con Jazz Maynard (Diábolo, 2007-2009) unha obra que destaca pola enganosa simplicidade da súa proposta. Non parece ser outra a intención dos autores que a de ofrecer un relato de acción con tintes de xénero negro ambientada no Raval barcelonés, a partir dun guión áxil e directo e cunha perfecta execución gráfica. Mais a absoluta sintonía entre os autores, o control do ritmo narrativo, a coidadísima ambientación ou o perfecto deseño do guión, que administra acción e pausa, concede tempo a secundarios e canaliza as tramas de apoio (relacións familiares, de amizade, sentimentais entre os protagonistas), elevan o resultado final ata convertilo nun traballo dunha solidez indiscutible. A obra, por outra banda, resulta coherente coa traxectoria previa dos autores, que xa ensaiaran o relato de acción no lonxano Hole 'n' Virgin (Amaníaco, 2002) e que agora presentan mesturado co ton melancólico e intimista propio doutros traballos anteriores coma Cabos sueltos (Amaníaco, 2003) ou Vidas al contraluz (Diábolo, 2006).

Fiel ao seu peculiar rexistro gráfico, Roger redondea o seu traballo cunha paleta de cores na que predomina o ocre, subliñando a carga melancólica do relato e facendo a edición orixinal en tres álbums a cor preferible ao integral que compila esta primeira triloxía en branco e negro. Mención especial para a resolución das escenas de acción, cargadas de forza e dinamismo e, ao tempo, perfectamente intelixibles. Curioso e eficaz tamén o seu xeito de combinar viñetas cargadas de liñas cinéticas con outras nas que prescinde das mesmas, provocando unha sensación de cámara lenta.

Un dos aspectos máis interesantes deste traballo é a recreación de Barcelona, e sobranceiramente do barrio do Raval, como territorio mítico, a Ítaca á que regresa o protagonista tras anos de exilio. Engadindo ao referente real unha serie de elementos ficticios, Raule e Roger constrúen un escenario recoñecible e dotado da súa propia carga emocional, mais no que ten tamén cabida unha certa desmesura argumental: kingpins, samuráis, ladróns hipertecnoloxizados... Esas pingas de extravagancia sinalan un distanciamento da realidade que está presente en todo o relato. Todo é un conto, con bos e malos, tiros, puñadas e tensión sexual non resolta.

2 comentarios:

AnnaRaven dixo...

:) Encantoume a reseña. Non me tivera fixado no da sensación de cámara lenta da que fala, pero si, agora que o di, ten toda a razón do mundo.

Ollo de Vidro dixo...

Ola Anna, perdoa pola tardanza na resposta (vacaciòns, illamento, PC con windows 98 sen conexión á rede). Alégrame que che gustara o comentario porque sei que es MaynardISTA. Apertas.