luns, decembro 27, 2010

The League of Extraordinary Gentlemen: Century 1910



Confeso que a primeira miniserie da Liga dos Cabaleiros Extraordinarios foi para min unha severa decepción. Unha historia escrita por Alan Moore e protagonizada por Jekyll e Hyde, Mina Harker, o Capitán Nemo e outros grandes personaxes da novela fantástica e de aventuras de finais do XIX debería aspirar a moito máis do que finalmente ofrecerían estes catro números. Moore, que andaba daquela na reinvención do tebeo popular coa liña ABC, optou por unha aventura lixeira e na que a recreación da personalidade dos protagonistas o era todo. O segundo volume da serie, que outorgaba especial protagonismo á obra de H.G. Wells, incidía nas mesmas coordenadas, introducindo a algún personaxe novo e confirmando o magnífico labor do debuxante Kevin O'Neill.

Coa interposición do inédito (por unha cuestión de dereitos internacionais) Black Dossier, chega agora o terceiro volume da cabeceira, Century 1910 (Planeta, 2010), ambientado no Londres de 1910 e con novos membros na Liga: Carnacki, Orlando ou Raffles. Coma nos precedentes, estamos perante un relato hipercodificado, inzado de referencias por máis que admita unha lectura superficial perfectamente coherente. Como proba da súa vocación de lixereza, abonda con sinalar que nel atopamos algúns dos temas que o propio Moore tratara en From Hell (a entrada do novo século, Aleister Crowley, alusións a Jack o Destripador...), que se ofrecen agora ao lector en formato musical, coma se dun Grand Guignol se tratara. O'Neill segue a brillar e a cabeceira, única supervivente dos anos ABC, mantense fiel aos seus sinais de identidade co mérito engadido de constituir o derradeiro vínculo de Moore coa BD na actualidade. Que non é pouco.

Ningún comentario: