mércores, decembro 01, 2010

Frank Cappa Integral



Glénat reúne nun volume integral as aventuras de Frank Cappa, o xornalista de guerra creado por Manfred Sommer a principios dos 80, devolvendo aos andeis das librerías unha obra que gozou de popularidade e prestixio no seu tempo e que ficaba prácticamente esquecida dende entón. A presente edición (2010) recolle todas as historias protagonizadas polo personaxe en orde cronolóxica, acompañadas de diversas introducións (unha ad hoc de Alejandro Jodorowsky e varias das que no seu día prologaron os álbums do personaxe), bosquexos e mesmo un inédito inacabado. Cómpre recoñecer o labor dunha editorial que demostra valorar o seu catálogo cualitativamente e non só en termos de rentabilidade, aínda que o presente volume presenta unha pega á que resulta imposible non refereirse: para axustar a obra ao formato da colección de integrais, reduciuse o tamaño das pranchas nunha porcentaxe que non só empobrece notablemente o debuxo de Sommer, senón que chega a dificultar a lectura.

O Cappa de Sommer é, coma tantas outras obras, fillo do seu tempo, e a súa lectura actual esixe do lector cando menos a actitude de quen se achega a unha obra concebida baixo uns parámetros que perderon vixencia. O autor constrúe o seu personaxe como heroe de acción e opta pola localización exótica, pero o mundo que describe non semella moi axeitado para a aventura intrascendente. Estamos nos primeiros 80, a descolonización de África e Asia é imparable, o mundo asistiu ao fiasco norteamericano en Vietnam, España vén de superar unha longa ditadura. Non é tempo de neutralidade senón de compromiso ético e Sommer válese das primeiras aventuras de Cappa para expoñer un discurso abertamente antibelicista e crítico coa presenza europea en África, aspecto este último que, parecendo obvio dende unha perspectiva actual, permítelle ao autor establecer distincións entre as partes en conflito e superar o que doutro xeito podería ser unha condena das guerras puramente retórica.

É de agradecer que, en sucesivos relatos, Sommer ampliase o círculo temático da súa creación e variase a perspectiva das narracións. No que sería o segundo álbum de Cappa, e que sitúa o personaxe en Brasil, atopamos o consabido relato colonial (A caza), desta volta ambientado no Amazonas, mais tamén un conto fantástico (Jangada) e un relato sentimental (Carnaval). O seguinte feixe de historias, recollidas no seu día no álbum Welcome, mergúllanse nas orixes do personaxe e estarían destinadas a concretar o perfil persoal de Cappa. A súa filiación inverosímil, a súa mocedade nunha vila canadense chamada Utopía ou o seu primeiro desengano amoroso configúrano coma heroe apátrida que renuncia á felicidade idílica da infancia para manter unha vida errante e allea ao compromiso sentimental. Sommer pecharía o círculo vital do personaxe con dúas viaxes que o retrotraen aos seus relatos orixinais. As aventuras de Cappa en Sudamérica (Somoza e Gomorra) e Vietnam (Viet-song) recuperan o ton das primeiras historias, con argumentos que plantexan frontalmente dilemas morais e que conducen a conclusións sempre pesimistas.

Gráficamente, Sommer amósase coma un debuxante intuitivo (os seus bosquexos así o proban) e dotado dun magnífico sentido narrativo, que recolle influenzas que van dende autores de tiras de prensa norteamericanas (Frank Robbins, Milton Caniff) a mestres da BD europea como Hugo Pratt e Jesús Blasco. Tamén dende este punto de vista está plenamente xustificada a recuperación desta obra.

Ningún comentario: