Afeitos como estamos á sobreexplotación comercial de calquera produto que arrecenda a éxito, resulta sorprendente constatar canto tardou Marvel Comics en transformar aos X Men en franquicia. Malia a solidez da vendas da cabeceira mutante dende que o guionista Chris Claremont se fixera cargo dela en 1975, non foi ata 1982 que os directivos de Marvel decidiron poñer no mercado produtos derivados da mesma. Dese ano data a miniserie protagonizada por Lobezno que Claremont realizou xuntamente con Frank Miller e que entre nós se ten reeditado como Lobezno: Honor, primeira incursión en solitario do hoxe ubicuo mutante canadense. E tamén nese ano deuse ao prelo a novela gráfica inaugural dos Novos Mutantes, versión xuvenil da Patrulla X que pasaría a contar con cabeceira de seu a partires do ano seguinte.
Aqueles primeiros números dos Novos Mutantes teñen un interese relativo dende un punto de vista actual. Claremont, que daquela se atopaba no seu cénit creativo e aínda mantería un nivel envexable durante algúns anos, rebaixa as pretensións da cabeceira con respecto á súa matriz e tece un relato matizado pola condición adolescente dos seus protagonistas. As súas primeiras historias, moi correctamente ilustradas por Bob McLeod, combinan un sentido da aventura inocente e xuvenil (motoristas acróbatas, colonias romanas en pleno século XX...) con elementos propios de argumentos de instituto (angustia adolescente, romance, rivalidade con outros institutos...). Claremont destacou nun dos seus puntos fortes habituais, a caracterización, logrando dotar dun certo carisma a un feixe de personaxes que, malia que con diferente sorte, seguen a ser lembrados hoxe.
A irrupción de Bill Sienkiewicz á altura do número 18 da cabeceira trastocaría este equilibrio e reorientaría o título de xeito irreversible. O debuxante adoptaría no título mutante un rexistro moi persoal, alonxado da súa produción previa e que desafiaba os estándares superheroicos do momento. Os protagonistas pasaban a aparentar maior idade, pero sobretodo, desbotábase a vocación realista para dar entrada a un expresionismo sorprendente, con composicións arriscadas e algún elemento abstracto. Todo un shock para os lectores, que se posicionaron ardentemente a favor ou en contra do artista.
Resulta fascinante comprobar que a mudanza experimentada pola cabeceira resulta únicamente do labor de Sienkiewicz, cuxo estilo gráfico distorsionaba uns guións que en pouco se apartaban dos precedentes. Os primeiros capítulos tras a chegada do novo debuxante conformarían a chamada Saga do Oso Místico, unha das máis recordadas da cabeceira e na que atopamos un Sienkiewicz que xa non volvería ser, a metade de camiño entre os seus máis convencionais traballos previos e a liberación total do seu estilo que seguiría. Pero o interesante de todo isto é imaxinar esta mesma historia debuxada polo debuxante que o antecedera, Bob McLeod, o que conduciría a un resultado totalmente distinto (convencionalmente superheroica, desprovista do onirismo desatado de Sienkiewicz) sen mover unha coma do guión.
A presente reedición dos primeiros números de Sienkiewicz en Os Novos Mutantes no volume Fillos das sombras (Panini, 2010) permite establecer este contraste ao inserir entre os números 21 e 22 da serie o que foi o primeiro anual da cabeceira, ilustrado por McLeod e que contén unha historia de ambientación espacial. A sensación de delirio surreal, as múltiples arestas do acabado, a ambientación sinistra que provocara o novo debuxante esváense e reaparecen tras o paréntese. É o efecto Sienkiewicz, o prisma gráfico cambia unhas historias que non estaban específicamente escritas para el.
Fóra da Saga do Oso Místico, que conserva toda a súa forza, nin a chegada de Warlock, nin a posterior aventura con Capa e Puñal coma convidados atesouran outro interese que o de comprobar como era o día a día dunha serie mutante a mediados dos 80. É a apreciación da asoballante personalidade gráfica de Bill Sienkiewicz o que xustifica a relectura dos capítulos que compoñen este volume.
Ningún comentario:
Publicar un comentario