luns, decembro 13, 2010

Noite en branco



É imaxinable un relato ambientado na Revolución rusa de 1917 que non adopte formato folletinesco? Dende logo, Noite en branco (Glénat, 2009), escrito por Yann Lepennetier, non ofrece ningún argumento a prol de que o sexa. O tomo integral de Glénat recolle os catro álbums publicados orixinalmente e neles atopamos irmáns xemelgos en bandos enfrontados (o heroe romántico e idealista mantense fiel ao zarismo decadente, mentres o seu igual malvado se suma ao bolchevismo rampante), elementais triángulos amorosos, percorridos heroicos clásicos con morte e resurrección e, chegando ao final, sorprendentes revelacións sobre a filiación dalgún dos personaxes. En definitiva, elementos que enriquecen todo novelón que se precie e que só atopan unha excepción no terceiro capítulo da serie, un agradecido paréntese baixo a forma do relato detectivesco nun escenario colonial.

Daquela, é o entorno o que condiciona o relato ou é este o que busca un medio propicio? Sexa como sexa, probablemente ese encaixe excesivamente rutinario é o que máis lastra unha narración, por outra banda, máis que correcta, debuxada e coloreada con desenvolutura por un Olivier Neuray moi próximo á liña clara de E.P. Jacobs.

Entradas relacionadas - Yann
Freddy Lombard

Ningún comentario: