xoves, decembro 30, 2010

Pema Ling



O francés Georges Bess é un artista cun estilo gráfico explícitamente debedor dos grandes mestres da BD europea que, malia a súa dilatada traxectoria, resulta coñecido sobranceiramente polas súas colaboracións co psicomago Alejandro Jodorowsky. Especialmente dotado para as paisaxes e a caracterización facial, as grandes pranchas características do formato europeo ofrecen o terreo perfecto para que despregue o seu debuxo minucioso e preciosista. Iso é o que un pode esperar cando se asoma aos seus álbums: un debuxo forte, fermoso, de trazo clásico.

En Pema Ling (Norma, 2007-2010), Bess exerce como autor completo. Os álbums publicados ata hoxe ofrecen un ciclo aventureiro ambientado no Tíbet, contexto no que xa transcurría a que probablemente sexa a obra máis famosa de Bess, O lama branco. Malia a súa vocación clásica e, por tanto, a súa escasa orixinalidade, chama a atención o moi correcto plantexamento do debuxante francés, que narra paseniñamente as etapas da forxa dunha heroína chamada a liderar o seu pobo dende a fraxilidade da súa orixe. Como adoita acontecer co sistema de europeo, baseado na produción de álbums con cadencia anual, a saga benefíciase dunha lectura conxunta fronte a unha aproximación álbum a álbum. Os cinco volumes publicados ata a data amosan unha grande regularidade narrativa así coma a agardable solidez no aspecto gráfico. Unha mágoa que Bess anuncie na súa web a interrupción da serie polo cambio de directiva en Dupuis e perante o desinterese do novo equipo reitor fronte a cabeceira, por máis que o autor non desbote a súa continuación de amosar interese outro editor. Agardemos que así sexa.

Ningún comentario: