mércores, marzo 17, 2010

Tomorrow Stories 3



Este terceiro volume de Tomorrow Stories (Norma, 2009) recolle os dous números especiais da cabeceira máis un que, polo seu formato, podería pasar polo terceiro, por máis que se trate dun especial fóra de colección, o America’s Best Comics 64 Page Giant. Atopamos neles unha escolma de relatos breves protagonizados por personaxes da cabeceira aos que se suman outras creacións de Alan Moore para a liña ABC, coma Tom Strong, Promethea ou a Liga dos Cabaleiros Extraordinarios. O conxunto pode ser un bo resumo do que esta serie supuxo no seu contexto editorial: un pretexto para o humor, o cruce de homenaxes e a liberación dun feixe de ideas demasiado crúas para mereceren un desenvolvemento máis elaborado. Entre a simple broma e o exercicio de estilo, as historias de Tomorrow Stories falan sempre entre liñas, reservándolle ao lector un papel activo na interpretación do texto, mais sempre con pretensións modestas: cómicas, paródicas, lúdicas.

É probable que, coma neste volume, os maiores achados da cabeceira residisen en aspectos formais. Neste caso, brila con luz propia a reinterpretación das historias de Little Nemo in Slumberland con Promethea como protagonista, o cal resulta dobremente significativo: por unha banda, porque o escritor destas historias é Steve Moore, o cal pon de relevo que o pai do invento, Alan Moore, traballaba a medio gas; por outra, porque o indiscutible atractivo do debuxo de Eric Shanower deriva directamente do seu referente, Windsor McCay, que se demostra plenamente vixente.

Transcurridos xa uns anos dende a liquidación da cabeceira, caben poucas dúbidas respecto da súa vocación menor dentro da liña ABC e máis aínda no contexto da obra de Alan Moore. Porén, a súa lectura compensará aos seguidores máis fieis do escritor de Northampton e tamén probablemente aos amantes do cómic satírico da escola MAD.

Entradas relacionadas – Tomorrow Stories
Tomorrow Stories 1
Tomorrow Stories 2

Entradas relacionadas – Alan Moore
Tom Strong 1

Ningún comentario: