mércores, marzo 10, 2010

Powers: Psicópata



Asumindo a perspectiva do policía en lugar da do heroe enmascarado, Powers invirte a lóxica das ficcións superheroicas típicas, non só polo pracer de describir a complexidade do labor policial nun mundo no que existen os metahumanos, senón tamén para ampliar os puntos de vista desde os cales abordar a figura do superheroe. O universo creado por Brian Michael Bendis e Michael Avon Oeming concede o protagonismo a aspectos que nos escenarios superheroicos clásicos ocupan espazos marxinais cando non se obvian: o lercheo, o sexo, o fenómeno fan, as envexas entre os membros de supergrupos… Non se trata tanto de transgredir un tabú canto de recrearse na exploración dun terreo incómodo para a concepción tradicional do superheroe, construida tamén a partir de silencios sobre eses particulares. O propósito evidente semella ser o de humanizar o arquetipo poñendo en dúbida a súa invulnerabilidade moral.

Se prácticamente todas as tramas da serie durante a etapa Image incidían nesta tendencia, non deixa de resultar estraño o cambio experimentado dende a súa entrada no selo Icon de Marvel. Para sempre expoñía a particular mitoloxía superheroica da cabeceira nunha clave épica que casaba mal co ton devaluador que ata entón a presidira. As liñas argumentais que xurden dese punto carecen dunha orientación tan definida como a precedente. As cuestións da prohibición legal e da necesidade social do superheroe nas que se centraba Lendas esquécense en Psicópata (Panini, 2010), que plantexa un whodunnit con bastante menos implicacións que o inaugural Quen matou a Retro Girl?. O único fío que establece unha conexión entre os argumentos é a adquisición de poderes por parte de Deena Pilgrim, un auténtico cambio de estatus non só para o personaxe, senón tamén para a cabeceira. Aínda agradecendo a vontade de Bendis de non se acomodar e de introducir novidades importantes na serie, moito terá que afinar no tratamento deste aspecto para que o resultado final non sexa decepcionante.

Entradas relacionadas
Powers: Para sempre
Powers: Lendas

Ningún comentario: