O protagonismo da ambientación parisina das aventuras de Adèle Blanc-Sec, presente xa no primeiro álbum da serie, acentúase aínda máis neste segundo, O demo da Torre Eiffel (Norma, 1981). Como no álbum anterior, Jacques Tardi identifica con exactitude as distintas localizacións nas que transcurre a acción, engadindo agora escenarios tan típicos da capital francesa como a Pont-Neuf, o cemiterio Père-Lachaise ou a emblemática torre Eiffel. A pretendida identificación entre o personaxe e a cidade, moi ao xeito de Sherlock Holmes e Londres, presenta algúns matices importantes. Se nos dous casos a época retratada vén sendo a mesma, hai máis de medio século entre o labor de Conan Doyle e o de Tardi. Xa que logo, o retrato deste non só asimilou ambientación dos folletíns detectivescos de principio de século, senón tamén a dos derivados pulp (fantásticos, de ciencia ficción, de xénero negro) posteriores. E así, o París de Adèle engade á súa aureola misteriosa detalles fantásticos e estrafalarios: dinosauros que voltan á vida, maquinaria futurista (próxima a unha sensibilidade steampunk), adoradores do diaño que conspiran nas sombras, escenarios de cartonpedra, disfraces… Por outra banda, Sherlock Holmes era quen de restablecer a orde no seu universo porque éste se rexía por uns principios racionais que el dominaba. Pola contra, o mundo que nos presenta Tardi está presidido por un principio caótico que limita a capacidade de Adèle para intervir. Pode chegar a impoñerse no concreto, mais nunca a invertir a lóxica dos acontecementos.
Entradas relacionadas
Adèle Blanc-Sec: Adèle e a besta
Adèle Blanc-Sec: O afogado de dúas cabezas
Entradas relacionadas
Adèle Blanc-Sec: Adèle e a besta
Adèle Blanc-Sec: O afogado de dúas cabezas
Ningún comentario:
Publicar un comentario