venres, novembro 06, 2009

Tom Strong 2



Os primeiros capítulos de Tom Strong podían interpretarse, entre outras cousas, como unha reivindicación do formato comic-book. Alan Moore plantexaba neles unha cadea de historias autoconclusivas, que nalgún caso se continuaban, pero sempre coa vontade de recuperar as formas seriais do tebeo norteamericano. Os números recollidos neste segundo volume da serie (Norma, 2007) establecen unha certa diferencia, ao recurrir a formas aínda menores en extensión e máis propias das revistas de cómic tipo MAD que dos xenuinos comic-books norteamericanos. Con menos espacio, Moore tenta compensar a perda de sustancia cunha esaxeración nas formas que achega á parodia o que antes eran textos fondamente codificados. O resultado desnaturaliza en certa medida unha cabeceira que apuntaba a outros fins e agora podería confundirse coas Tomorrow Stories que o de Northampton desenvolvía nese mesmo tempo.

Rompe esta nova liña a minisaga de Terra Obscura (capítulos 11 e 12), que combina algúns tópicos do imaxinario superheroico (os supergrupos, as terras alternativas e os doppelgängers heroicos) cun plantexamento de ciencia ficción. O resultado non deixa de decepcionar alén da curiosidade que supón a recuperación dun fato de personaxes publicados nos anos 40 por Nedor Comics que pasaron ao dominio público tras varias décadas sen que se renovara o seu copyright.

Xa que logo, neste segundo recopilatorio a cabeceira resíntese dunha certa indefinición nos seus propósitos, por máis que no plano formal todos os artistas participantes (ao debuxante “titular” Chris Sprouse súmanse nomes como Kyle Baker, Alan Weiss, Paul Chadwick ou Hillary Barta) rindan a un excelente nivel.

Entradas relacionadas – Tom Strong
Tom Strong 1

Entradas relacionadas – Alan Moore

Ningún comentario: