venres, novembro 20, 2009

Barrio afastado




Barrio afastado (Ponent Mon, 2004, 2006) parece responder ao propósito de Jiro Taniguchi de reescribir O almanaque do meu pai (Planeta, 2001) de acordo cun plantexamento diferente. Se O almanaque… propoñía a redescuberta da figura paterna polo protagonista a través do testemuño dos outros (a familia, os amigos), en Barrio lonxano Taniguchi recurre a un inexplicado e irrelevante artificio sobrenatural para concederlle ao protagonista a oportunidade de revivir con psique de adulto as experiencias da nenez, especialmente de novo no que atinxe á relación co pai. O feito de seren ambas obras sucesivas ademáis de tan semellantes parecería revelar unha certa insatisfacción de Taniguchi co primeiro intento, así como unha necesidade de matizar ou completar os seus logros.

A obra funciona ben grazas á habelencia dun Taniguchi soberbio no debuxo, capaz de falar de sentimentos sen caer no sentimentalismo e que imprime ao relato unha lentitude narrativa que arroupa o seu ton nostálxico. Aínda así, a obra non supera ao seu referente nin en emotividade nin en congruencia. O fantástico, imprescindible como desencadeante da trama, aparece supeditado á reflexión sobre as vivencias infantís, ao que se engade o incómodo didactismo que implica devolver ao protagonista á súa vida anterior cunha lección moral ben aprendida.

Entradas relacionadas
O almanaque do meu pai
Seton: “Lobo”, o rei

Ningún comentario: