luns, novembro 30, 2009

Bo tempo



Joe Matt percorre en Bo tempo (La Cúpula, 2005) os territorios da súa infancia autoficticia. Ambientada nun barrio residencial estadounidense (casiñas con xardín), a historia sustánciase nunha fin de semana de verán (melancolía). Os protagonistas son un par de rapaces adolescentes (ou pre) que van de acó para aló en bicicleta (máis melancolía). Cortar o céspede si ou non e a cambio de que (casiñas con xardín) elévase á condición de cuestión conflitiva; tamén a amizade ou as relacións paterno-filiais. Hai matóns que ameazan, curiosidade sexual e moito teenage angst.

Ata que punto pode a persoal ollada de Matt matizar un relato que parece íntegramente escrito a partires dos elementos que o compoñen? A resposta non é doada. É certo que a caracterización do personaxe protagonista (young Joe Matt) ofrece unha visión menos amable da infancia preadolescente do que adoitan as ficcións máis convencionais. Mais abonda coa simple presentación dun rapaz egoísta, mesquiño, perrenchudo e caguetas, probablemente demasiado pouco amable para unha peli de Hollywood, para considerarmos que o texto cuestiona o discurso dominante ao respecto? Supoñen a súa afección aos tebeos e aos monster shows televisivos matices relevantes ou tan só o reconducen a unha categoría tan propia do discurso dominante como a de freakie?

Aínda considerando que Matt é quen de alonxarse do convencionalismo nalgúns destes aspectos, non é menos certo que as propias características do relato condicionan a súa voz e non en menor medida. E así, malia que insiste na visión pexorativa de si que o autor sostén no resto da súa obra, a condición infantil suaviza o efecto ata desembocar nun final sorprendentemente redentor, dando a sensación de que a narración, irreprochable dende moitos puntos de vista, non alcanza a ser o que podería.

Ningún comentario: